«A poesía é moito máis que un texto que non chega ó final da liña»

CARLOS REy, i. c. SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

raquel cacabelos

O xornalista e escritor é un dos cinco creadores da libraría e a editorial Chan da Pólvora, adicadas á poesía

20 ago 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Din que non son bos tempos para a lírica, pero para Antón Lopo (Monforte de Lemos, 1961), un dos fundadores da recentemente creada libraría Chan da Pólvora e a editorial do mesmo nome, a poesía «fai máis falla ca nunca». A súa aposta é arriscada: lanzan un novo selo orientado especificamente a un xénero. Leva xa dous meses na Rúa de San Pedro.

-¿Como nace esta idea, nun momento no que parece tan difícil emprender novos proxectos?

-Pois nace dunha xuntanza con Eduard Velasco e Alicia Fernández, os responsables da libraría, hai cousa de un ano. Eles falaban de facer unha editorial para publicar os nosos traballos, pero finalmente fomos moito máis alá e sacamos adiante un proxecto moito más amplo e ambicioso. Tamén están neste barco Manolo Martínez, que se encarga do deseño, e Gonzalo Hermo.

-Un grupo moi diverso.

-Si, somos xente de tódalas idades e que temos experiencias moi diferentes, o que é parte da riqueza do proxecto. Iso si, non sempre é doado poñerse de acordo.

-¿Por que poesía?

-¿E por que non? A sociedade necesita poesía, pero non entendida como algo estritamente literario. A poesía é algo que transcende alén do libro, que expresa moito máis aló do signo. E iso é o que queremos tratar de expresar, sen centrarnos tanto no espectáculo que busca a literatura ás veces. En definitiva, queremos que a poesía transcenda ese «eu» visual: queremos un «eu» auditivo.

-Un dos vosos primeiros libros («Querido Eduardo», un recopilatorio de cartas do político Suárez Picallo a Eduardo Blanco Amor), de feito, xa non é poesía convencional.

-Claro, pero esas cartas son unha clara demostración de que a poesía é moito máis que un texto que remata antes do final da liña. A través delas podemos comprender mellor unha época, a un poeta da altura de Blanco Amor e a recuperar a construción do relato da Guerra Civil e os anos posteriores. A poesía é tamén acción.

-Non é doado apostar polo papel agora que está en caída libre.

-Non, pero hai que buscar novas formas de competir. O importante é que leas, non se o fas en papel ou nun soporte dixital. O que tentamos facer é que o libro sexa un valor en si mesmo, cunha unidade visual entre as obras que ademais sexa atractiva. Non queremos ser Xerais ou Galaxia, imos a pequena escala. Polo de agora temos 102 subscritores e plantexamos un límite de 125 nesta fase do proxecto.

-A libraría está nun lugar cheo de poesía, como é o barrio de San Pedro.

-Si, atopamos un local en aluguer a bo prezo e non o dubidamos. É o único desta parte da rúa que ten fiestras cara as fincas de atrás, ademais. A estética do local tamén busca ser poesía en si mesma: é un local pequeno, pero tamén queremos que sexa un motor cultural.

-¿Que parte vai xogar esta libraría no ecosistema da cidade?

-Nós buscamos crear tecido cultural, polo que buscaremos ser unha libraría aberta á xente e, sobre todo, poder xerar emprego. A industria cultural rexistrou unha caída vertixinosa nos últimos anos, o peso que tiña no PIB descendeu de forma dramática. Hai que medrar pouco a pouco para cambiar esa tendencia, crear vasos comunicantes dende a colaboración con xente e tódalas idades, tanto de Galicia como de fóra.

A persoa. Xornalista e artista polifacético, Antón Lopo comeza unha nova aventura no mundo editorial

O proxecto. É un dos cinco creadores de Chan da Pólvora, unha editorial que nace á vez que unha libraría en San Pedro. Dende alí buscan valorizar o papel, a poesía e xerar emprego