Imo tamén ten pedra para abalar

Uxía López Rodríguez
uxía lópez DODRO / LA VOZ

DODRO

MERCE ARES

Situada no monte, hai veciños que piden a súa sinalización e protección

27 oct 2014 . Actualizado a las 12:37 h.

A aldea de Imo, na parroquia de San Xoán de Laíño de Dodro, ten a súa propia pedra de abalar. Atópase no monte, nunha parcela privada, aínda que moitas persoas, incluídos veciños do lugar, «non saben dela». Quen si a coñece e nos leva ata ela é, precisamente, unha das primeiras persoas as que se lle escoitou falar en público sobre a mole, Xosé Blanco Franco, más coñecido como O Moreno de Imo, que cando era rapaz tiña na pedra de abalar os bambáns dos rapaces de hoxe.

Así, hai máis de 50 anos, ir ao monte a xogar xunto a pedra «era unha diversión» para os nenos da aldea ata o punto de que, nunha ocasión, Xosé Blanco e os seus compañeiros non foron a escola de Tallós e pasaron o día xogando nun oco que fai a pedra.

A mole está «tal cal» tempo atrás, solo que agora loce un «traxe», está «moi ben vestida», como di Xosé Blanco en alusión a a capa de musgo que a recubre.

Para este veciño de Dodro, natural da aldea de Bexo pero casado en Imo, non é máis que «unha pedra que se move», pero para outra persoa do lugar, Xoán Xosé Vicente, «é unha pedra que se move e que ten o seu mérito. É unha cousa das que non hai moitas», asegura este veciño. El é partidario de sinalizar a súa localización e incluso de protexer a pedra, para que non sufra danos.

Xuntos amosan cómo abala a pedra, un dende abaixo e o outro dende arriba. «Mira que fácil é de mover», sinala Xosé Blanco, que conta que dúas netas súas, de curta idade, son capaces de abalala. Tamén explica que «a pedra non a coñece case ninguén», en parte, porque agora no se vai ao monte como antigamente, engade o Moreno de Imo. Para este veciño, en Dodro «hai moitas cousas que non se saben delas» e pon, como exemplo, as murallas de Bexo.

Oito tonelados

No obstante, a existencia da pedra, que podería pesar en torno a oito toneladas segundo algúns cálculos, aparece documentada nun libro escrito por outro veciño do municipio, o autor e profesor Manuel Lorenzo Baleirón, titulado Toponimia de Dodro e de Laíño. Os nomes na auga e editado polo Concello.

Nesa publicación, que recolle máis de 5.000 nomes de lugares, predios, camiños, cursos de auga e todo tipo de información histórica, sobre oficios, medio natural e tradicións que foron deixando pegada sobre o territorio de Dodro, Lorenzo Baleirón fala de que «ao suroeste da aldea de Imo hai unha pedra de abalar, a beira doutra cabalgada de formas dolménicas».

Desta última fala tamén Xoán Xosé Vicente, para quen na pedra de abalar hai unha forma que semella unha «cazoleta» pola que escapa a auga e que podería «estar traballada», versión que desminte o Moreno de Imo, que rapidamente engade que iso é «cousa da erosión».

Para dar a coñecer a pedra, tanto Xosé Blanco como Xoán Xosé Vicente acaban de participar na gravación dun vídeo que está colgado nas redes sociais, na páxina de rabunho rexeita, e que xa tivo miles de visitas en poucos días. Nela fálase de que xa non fai falla ir a Muxía a abalar a pedra; Imo ten a súa propia, moito máis descoñecida pero co seu mérito. E se a abala o Moreno de Imo, moito máis.

en directo patrimonio de dodro