A familia Seivane comparte en Arzúa o Premio Nacional de Artesanía

Natalia Rodríguez Noguerol
natalia noguerol ARZÚA / LA VOZ

SANTIAGO

Os músicos actuaron na Alameda xunto coa familia homenaxeada.
Os músicos actuaron na Alameda xunto coa familia homenaxeada.

Centos de persoas arroupáronos na homenaxe arzuá da Festa da Gaita

06 abr 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Os Seivane teñen mans de ouro e son de oído fino. Así é como saen do seu obradoiro de Cambre as mellores gaitas do mundo para todo o mundo. Pero son, ademais, de palabra. Cando semanas atrás recibiron o Premio Nacional de Artesanía en recoñecemento polos 75 anos de historia dun negocio, e tradición, familiares, os irmáns Álvaro e Xosé Manuel expresaron o seu desexo de compartilo cos gaiteiros galegos. E así o fixeron onte en Arzúa, a onde se desprazou toda a familia para asistir á homenaxe que lle tiñan preparada con motivo da Festa da Gaita, que reuniu a varios centos de músicos de máis dunha trintena de formacións de toda Galicia.

Nas palabras de agradecemento que pronunciou ante un público que non deixou oco por ocupar na Casa da Cultura, Álvaro Seivane lembrouse de compartir o premio nacional, e á súa altura puxo a homenaxe arzuá, que «é tamén un gran premio, cun valor e unha estima moi especial que nunca esqueceremos», dixo logo de loar á organización da festa pola «importante labor que estades facendo para a nosa cultura e identidade» ao compartir o desexo, dixo, de «potenciar, conservar e divulgar a música galega».

A familia Seivane recibiu moitos aplausos en Arzúa, en sinal de agradecemento, de cariño e de admiración duns veciños que asistiron en masa a unha multitudinaria comida, trala que se celebrou un concurso de cantos de taberna por vinte e seis locais de hostalería. En nome da veciñanza falou o alcalde, José Luis García, para recoñecer «o inxente labor da familia polo desenvolvemento da gaita» e desexar «que por sempre un anaco de buxo voltee nos tornos do voso obradoiro». De momento, así é. En Cambre, xa traballa a terceira xeración familiar e un dos cativos da cuarta, Brais, amosou onte que, con só cinco anos, xa fai sonar a gaita como o facía a súa tía, a recoñecida gaiteira Susana Seivane, cando tamén era unha nena. Os agora cabezas de familia, Álvaro e Xosé Manuel, confían en que «isto pode ter futuro», como confiou o seu pai, o finado mestre artesán Xosé Manuel, cando empezou todo no concello lucense de Ribeira de Piquín. Soñaba o tamén barbeiro «con facer unha gaita», confesou antes de morrer. E foise satisfeito porque con el non morreu «a miña satisfacción, o meu invento».