Dúas alumnas de Rois estudarán o próximo curso en Estados Unidos

Uxía López Rodríguez
uxía lópez PADRÓN / LA VOZ

SANTIAGO

MERCE ARES

Aroa Otero e Zeltia Iglesias, do colexio de Dices, lograron bolsas para facer primeiro de bacharelato no estranxeiro

26 ene 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Poucos colexios de Galicia poden presumir de que dúas das súas alumnas, dúas, estudarán o vindeiro curso en Estados Unidos con todos os gastos pagos, grazas ás bolsas das fundacións Barrié e Amancio Ortega. Pode presumir e enorgullecerse o Centro Público Integrado Plurilingüe dos Dices, do municipio de Rois, porque as súas alumnas Aroa Otero Miguéns e Zeltia Iglesias Rodríguez, de 15 anos, marcharán a mediados de agosto para cursar en Estados Unidos o primeiro curso de bacharaleto.

As dúas escolares, que están en cuarto de ESO, souberon da posibilidade de solicitar as axudas a través do propio centro e de compañeiras como Laura Calvo, que actualmente estuda en Estados Unidos axudada polo mesmo programa.

En catro anos de convocatorias das bolsas, catro alumnas do colexio de Rois farán uso delas. Para acceder a estas axudas, Aroa e Zeltia pasaron unhas probas (unha entrevista e varios exames) na cidade da Coruña, ás que se presentaron máis de 400 alumnos de toda Galicia e nas que foron preseleccionadas entre 150 cunha nota de corte dun 9, aproximadamente, para finalmente acceder a 75 bolsas. Entre esas probas, celebradas a mediados do mes de decembro, estiveron valoracións do coñecemento do idioma inglés, que ambas dominan sen problemas.

Aroa e Zeltia están «moi ilusionadas» coa idea de estudar fóra o próximo curso, despois de vencer as dúbidas iniciais e de convencer as súas respectivas familias. Aínda quedan meses para irse, aínda non saben en que centro estudarán nin con que familia se aloxarán pero xa recomendan a experiencia, como así o fixeron con elas as dúas compañeiras e amigas que xa foron ao estranxeiro a seguir coa súa formación.

Cando realizaron as probas para a selección dos 75 alumnos galegos que conseguiron as bolsas, Aroa e Zeltia tiñan claro que, de pasar, o faría so unha, pero «non as dúas», como finalmente sucedeu e como todo o mundo vaticinaba. Os seus profesores e os responsables do centro si tiñan claro que as dúas alumnas tiñan posibilidade de acceder ás prazas porque, segundo explica o director do colexio, Rodrigo Costoya, son «brillantes, moi maduras, e estamos moi orgullosos delas, do seu traballo e dos profesores que as axudaron».

Recoñecementos

De feito, as propias alumnas teñen palabras de agradecemento para o colexio e para os docentes, que dende o primeiro momento as axudaron a «prepararnos para ir as probas», xa fora co seu nivel de inglés ou «revisando as cartas» que elas e as súas respectivas familias lle remitiron a aquelas de Estados Unidos coas que convivirán durante a súa estancia dun curso. Serán meses lonxe dos pais, do resto da familia e dos amigos pero Aroa e Zeltia teñen claro que é unha «oportunidade única» e que a van aproveitar ao máximo.

Agora toca centrarse no último curso de ESO, pero a vista está xa en Estados Unidos.