«Grândola, Vila Morena» volveu soar en Santiago corenta anos despois

La Voz

SANTIAGO

PACO RODRÍGUEZ

O Auditorio de Galicia encheuse co Festival da Fraternidade, un certame de homenaxe a José Afonso

11 may 2012 . Actualizado a las 15:55 h.

Ante un auditorio repleto e ao longo de case tres horas de actuación, máis de cen artistas galegos, portugueses e brasileiros, renderon unha sentida homenaxe a José Afonso, autor da inesquecible canción «Grândola, Vila Morena» -símbolo da revolución pacifista lusa-, a cal (a pesar de que non sexa moi coñecido este dato) interpretouse por primeira vez en público no antigo Burgo das Nacións de Santiago o 10 de maio de 1972. Para conmemorar esta data celebrouse onte no Auditorio de Galicia o Festival de Fraternidade, un longo certame que prolongouse ata as 00.30 horas e no que interviron, entre outros moitos artistas, Quico Cadaval, Carlos Blanco, Chévere, as bandas Utopía e Fura Fura, Ugía e Fred Martins, Tiago Gomes, o sobriño de Zeca, João Afonso, o dramaturgo Ze Rui Martins, os circenses Os Sete Magníficos Máis Un ou o trío Guadi, Xabier e Gille Fernández. O presidente da asociación Zeca Afonso agradeceu emocionado ao final do acto esta festa de espírito crítico e animou á xente a manter a capacidade de indignación ante a situación actual.

O certame pechouse, coma non podía ser doutra forma, co canto, ao unísono, de «Grândola, Vila Morena».