«Este non vai ser o curso educativo máis tranquilo dos últimos anos»

carmen garcía de burgos PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA CIUDAD

CAPOTILLO

A Lomce, os bancos de libros e o mapa escolar son as incógnitas máis importantes coas que arrinca o ano

06 sep 2016 . Actualizado a las 16:20 h.

Rogelio Carballo (Santiago, 1972) advirte, cando se cumpre un cuarto do seu último mandato á fronte da Federación de Anpas (Fanpa), de que o curso que comezou onte o fai con demasiados frontes abertos.

-¿Como comeza este curso?

-Pois con preocupación. Estamos nunha situación política na que temos unha chea de incertidumes: non sabemos exactamente que vai pasar co desenvolvemento da Lomce, e cremos que hai aberta a expectativa de algo que anhelamos todos, que é un Pacto Nacional pola Educación, no que se estableza un ámbito lexislativo, primeiro, avalado por un consenso político que impida que se cambie cada cinco minutos; despois que abra a porta a un sistema educativo acorde ao que se demanda no século XXI, cunha expectativa, unha economía, de coñecemento e innovación. E, dende logo, non vai ser o curso educativo máis tranquilo dos últimos anos.

-Imos por partes: ¿como van as obras dos colexios?

-Nós non estamos facendo un seguimento estrito das obras que se están facendo nin en Pontevedra nin noutros sitios. Non dubidamos que a Consellería fará que todo iso estea rematado o día 12, que é cando arranca o curso escolar. Tampouco estamos moi vixiantes sobre que tipo de obras se están facendo, no senso de se son obras de reparación ou de mellora, malia que nós si que defendemos que nos colexios hai que investir unha importante cantidade de cartos, especialmente nas áreas de mellora enerxética e de accesibilidade dos centros. Non porque o digamos nós, senón porque o din as normas da Administración.

-A Lomce semella que segue avanzando polo ensino secundario e o Bacharelato imparable...

-Si, pero ademais o fai dun xeito que a nós nos deixa un pouco atónitos. Primeiro, que na lexislatura pasada había un acordo parlamentario, que supoño que seguirá en vigor, no que se decretaba a súa paralización e, sen embargo, un goberno en funcións tira adiante con elas, e saca a resolución as reválidas. E, por outra banda, coa expectativa de ver que se fai, porque en todos os diálogos e parlamentos de goberno que se están propoñendo, vai recollida a paralización da Lomce e, sen embargo, se segue desenvolvendo. Nós temos constancia de xente que está no último curso, segundo de Bacharelato, que por desgraza atopouse na situación de ter que repetir vendo agora os exames de setembro, e non tendo claro sequera cal é o procedemento: con cantas materias suspensas teñen que repetir ou non, que vai pasar coas materias extintas -que se extinguiron porque a Lomce acabou con elas, e non hai convalidación-... En fin, eu creo que é unha obriga nosa que os estudantes teñan todas estas cuestións definidas de antemán, que non cheguen ao 15 de setembro e non teñan claro cal é o seu camiño pedagóxico. A nós parécenos abraiante.

-Co paso do curso, ¿aumentou o diminuíu a oposición á Lomce?

-É difícil. As reválidas do ano pasado non eran avaliativas, nin as deste o van ser salvo que a Xunta diga o contrario. Pero para o ano que vén si. E un rapaz que estea en cuarto de Secundaria e leve un expediente brillante, de matrícula de honra, se ese día suspende a reválida porque se ergueu con febre, ou se lle atragantou un exame, ten que volver á formación profesional básica. Iso pode provocar un rexeitamento masivo por parte dos pais, alumnos e profesores. Nós entendemos que o camiño que ten que tomar a educación no século XXI non é o de cernar as posibilidades de que a xente acuda ás universidades. Os maiores expertos en educación están dicindo que impedir o acceso á universidade é un suicidio económico, porque estamos cernando a posibilidade de que calquera tipo de innovación se desenvolva nun contexto no que vai ser demandada e solicitada como o ben máis importante.

-¿E entre os docentes?

-A opinión que eu teño recollido por parte dos profesores é moi sinxela: para eles a reválida é unha emenda ao seu proceso de traballo, consiste en que a Administración decide nun día se está ben feito o seu traballo de catro anos. Evidentemente, para eles é incrible que alguén poida xulgar nun día todo un proceso pedagóxico de catro anos, ou dous en Bacharelato. Só por iso xa están en contra. E eu comparto plenamente ese argumento. Nesa crítica somos perfectamente solidarios.

«En Infantil non hai axudas, e non debería haber sequera material lectivo»

Carballo quéixase da falla de previsión que está a caracterizar as decisión en materia de ensino.

-Falando de previsión, ¿en que estado se atopa o mapa escolar?

-Polo que nós sabemos está pendente de que se tomen en consideración as críticas e suxerencias que fixeron os centros, porque dende logo os pais non tivemos nin voz nin voto, salvo a través dos consellos escolares nos centros nos que se deu audiencia, que non foi en todos. . Non podemos ter unha opinión porque non temos o documento completo, nunca se nos invitou a comentalo. É a filosofía de «todo polo administrado pero sen o administrado».

-Dezasete dos vinteún colexios teñen comedor. ¿Que impide que o teñan todos?

-Primeiro, a disposición das anpas. A todas las Anpas que o pediron, llelo fixemos. E que realmente sexa unha demanda real, ten que ter sostibilidade económica. E moitas veces que a dirección do centro queira colaborar e se comprometa a ceder ou modificar espazos para desenvolver o comedor escolar. Para os colexios é unha forma de facerse máis demandados. Pero a Xunta, dos que xestionamos as Anpas subvenciona o 6 % do menú e noutros casos o 100 %. Pedimos que se nos bote unha man para que teñamos un trato igualitario cos que eles dan nos colexios.

-¿Foron os bancos de libros máis positivos do que pensaban?

-Están funcionando ben. Ven a ser o mesmo o que era a gratuidade dos libros de texto, pero impoñendo un criterio de renda para ver quen ten preferencia sobre outros. En Infantil non hai axudas de ningún cor, e é un material extraordinariamente caro, e dende a Federación nos gustaría reclamarlle aos profesores que foran sensibles coa situación económica de moitas familias, non debería haber nin sequera material lectivo.