«Vivimos de costas ao monte»

Marcos Gago Otero
marcos gago MARÍN / LA VOZ

MARÍN

RAMON LEIRO

Un grupo de veciños do Morrazo aspira a unir aos donos de parcelas forestais e por fin a décadas de abandono

04 may 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

A metade do monte do Morrazo é propiedade privada, pero a súa falta de implicación nas parcelas agrava o seu deterioro. Esta semana debaterase en Marín a situación destes montes e as formas de garantir un futuro viable ambiental e economicamente.

-¿Por que asociar aos propietarios de fincas no monte?

-Nós entendemos que o monte privado está moi deixado da man. As comunidades de montes levan máis de trinta anos traballando, pero non é así coa maioría dos propietarios de parcelas. O monte está abandonado, moitas fincas están con paradoiro descoñecido, e os datos do catastro non se actualizan, polo que hai lindeiros moi antigos nos documentos. En situacións de verdadeiro perigo, como risco de incendios, non sabes a quen dirixirte. Nós animamos aos propietarios a asociarse, porque por un lado intentamos localizar as fincas, limpalas e poñelas en valor, e polo outro veremos de rendabilizar o que hai no monte, sexa madeira ou cultivos. Xuntos poderemos afrontar mellor os custes e vender a madeira a mellor prezo. Esa é a idea.

-¿Por que unha asociación comarcal?

-O monte é comarcal. Comeza en Lourizán e percorre Marín, Bueu, Vilaboa, Moaña e Cangas. Hai propietarios que teñen tomadas en varios concellos. Sabemos que o plantexamento é moi ambicioso e que o minifundismo é moi grande, pero hai que intentalo. A maioría dos nosos socios actuais son de Marín e Bueu, pero queremos que sexan moitos máis Temos uns 110 socios, sobre todo de Ardán e Cela. Sumamos xa 80 hectáreas na comarca e levamos dous anos traballando.

-¿Canto monte privado hai no Morrazo?

-Falamos duns 25.000 propietarios, que teñen más de 50.000 parcelas. O monte, debido a ese minifundismo, está moi dividido e sen dar rendemento.

-¿Cal é o panorama no Morrazo?

-A inmensa maioría das fincas da zona arborada están moi descoidadas. Os propietarios deixaron de ir ao monte. Hai parcelas que están limpas e coidadas, pero o problema é que se ao redor as demais non o están, en caso dun lume, por exemplo, arderán todas. E tamén á hora de acceder a axudas públicas é necesario poder acreditar o acordo dos donos de alomenos tres hectáreas contiguas.

-¿Como se pode ordenar esta situación?

-O tema da ordenación é un debate para máis adiante. Agora estamos centrados en localizar as parcelas, e que xunto cos outros propietarios se limpen as tomadas e ver que se pode dar nelas. No ideario da asociación está a aposta por recuperar o peso das especies autóctonas, as carballeiras e os soutos de castiñeiros, freixos e incluso do piñeiro, que tamén perdeu terreo nestes últimos anos. O Morrazo practicamente é un eucaliptal na actualidade. Non somos unha asociación antieucalipto, pero hai que diversificar as especies do monte.

-¿Que máis problemas afrontan?

-A desconfianza de moitos propietarios, porque a maioría son persoas maiores, que cando lles plantexas a necesidade de asociarse sempre recelan. E por outra banda en moitos casos tamén hai desinterese dos donos. Pasou de ser un espazo do que dependían as familias do Morrazo a ser un problema e quedar abandonado. Vivimos de costas ao monte. O primeiro que hai que facer é que a xente volte a ter contacto con el.

-Moitas parcelas están perdidas e nin os seus donos saben onde están, ¿como solucionar iso?

-Pensamos que a única maneira é xuntarse, e na medida en que os propietarios nos dean información, entón poderemos poñernos a situar nos mapas todas as parcelas. Entón é cando un perito poderá ir sobre o terreo e localizar as que non se sabe onde están. Suponse que o 20 % das parcelas non están identificadas.

-¿Que pasa co catastro?

-Non vale en moitos casos. A información do catastro está moi desactualizada. Non aclara moito.

-¿Que obrigas legais teñen os propietarios?

-A Lei de Montes é moi clara. Temos a obriga de manter as parcelas limpas e evitar as pragas ou tratar as árbores en caso de pragas. Temos tamén a obriga de evitar a erosión. Non nos podemos esconder no descoñecemento, pero sobre todo temos que insistir en que o monte é un patrimonio moi importante e ben coidado e ordenado pode axudar aos ingresos das familias.

«No ideario da asociación está recuperar as especies autóctonas»

«É un patrimonio que ben coidado é ordenado pode axudar aos ingresos das familias»