José Antonio Pérez Valado, alcalde de Verea: «O segredo é que dende o primeiro día traballamos como se fósemos un equipo único»

Cándida Andaluz Corujo
c. andaluz OURENSE / LA VOZ

VEREA

José  Antonio Pérez Valado, alcalde de Verea
José Antonio Pérez Valado, alcalde de Verea MIGUEL VILLAR

A única lista do BNG no partido xudicial de Bande foi a deste concello, onde os nacionalistas fixéronse con todas as actas

02 jun 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

José Antonio Pérez Valado aínda está sorprendido e agradecido. É o claro exemplo da constancia e do traballo de pico e pala. Tras vinte anos na oposición, con pequenos aumentos para o BNG, no 2019 conseguiu ser alcalde de Verea, con tres edís e o apoio do PSOE. O pasado domingo fixo historia e conseguiu pleno na corporación.

—Agardaba os resultados?

—Non o pensabamos. Víamos que no día a día a xente nos daba os parabéns polo traballo feito, pero o obxectivo non era conseguir todos os concelleiros. É unha gran satisfacción e unha gran responsabilidade.

—Cal cre que foi a clave?

—O segredo está en que dende o primeiro día os concelleiros do BNG e do PSOE traballamos como se fósemos un equipo único, sen caudillismos. Só había un goberno e punto. E a partir de aí puxémonos a traballar en cada área. O mérito non é meu, é do equipo. E tamén podemos dicir que cumprimos con todos os proxectos prometidos en campaña. Non se trata de facer programas bonitos e que expresen ilusións, senón que sexan reais, inda que encantaríanos facer moitas cousas máis.

—En que cambiará a forma de gobernar en Verea co feito de non ter oposición?

—Non cambiaremos nada. Teño pensado seguir traballando como nos catro anos anteriores. Que todo o mundo saiba que o que se está a cocer, calquera decisión, vaise a comunicar e a saber. Tiñamos por costume, e seguiremos facéndoo, reunirnos na consistorial todos os sábados á maña. E nese tempo tamén está aberto ós veciños, por se queren preguntar algo a algún concelleiro o ten algunha dúbida. Ese día aproveitamos para comentar todo o que estamos facendo e as necesidades. E cando facemos o pleno todo o mundo ten que saber de que se fala.

—Verea pertence ó partido xudicial del Bande. En ningún concello da Baixa Limia, só no seu, houbo listas do BNG. Verea é o oasis do nacionalismo na comarca.

—Desgraciadamente, non houbo ningunha outra candidatura.

Para min é triste. A ver se a través dos nosos resultados transmitimos unha enerxía positiva ós compañeiros doutros concellos para que se animen.

—Cal cre que é a causa?

—Estamos nun escenario no que sempre gaña o PP, presente quen se presente, e faga o que faga. E iso é moi frustrante. Eu estiven vinte anos na oposición. E teño claro que me iría moito antes se vexo que os cousas non poden mellorar. No meu caso víamos que sempre gañabamos algúns votos máis, sempre, e iso dáche forzas.

—Fálenos dos proxectos de futuro.

—O programa de fogar residencial non ía no programa do 2019, pero xa o comezamos. Agora mesmo toca rematalo e temos que reformar os servizos sociais. No ano 2021 conseguimos 91 novas altas no concello e seguiremos traballando para atraer poboación.