José Luis Chao: «A Mostra de teatro de Ribadavia naceu seguindo o modelo dos xogos florais de Manuel Murguía»

x. m. r. OURENSE / LA VOZ

RIBADAVIA

José Luis Chao, fronte ao castelo de Ribadavia
José Luis Chao, fronte ao castelo de Ribadavia Santi M. Amil

O Centro de Estudios Medievais «quixo achegar á xente a historia de vila e do Ribeiro»

20 ago 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Abrente é un lugar de referencia da cultura galega do século XX. Nomeadamente do teatro, máis non só diso xa que os mozos da capital do Ribeiro conseguiron facer do colectivo cultural unha fonte de inspiración e un espello onde mirarse para os rapaces que buscaban aire para respirar e liberdade nun franquismo abafante que loitaba por deixar instituido o réxime do ditador de Ferrol. A MIT e a escena galega festexaron este ano o medio século da celebración da primeira Mostra de Abrente —a daquel maio de Letras Galegas e teatro na capital do Ribeiro— e diso sabe moito José Luis Chao, quen alí estivo. Como non faltou á homenaxe en xullo a outra daquelas mozas da asociación: a actriz Rosa Álvarez. Un libro, no que non podía faltar a súa colaboración, lembra aqueles tempos e mesmo o camiño que se percorreu ata chegar a maio de 1973: Abrente Cultural. Cincuentenario da 1ª Mostra de Teatro en Galego. Ribadavia 1973-2023 (Memoria documental de Galicia).

Coa mirada nun pasado que se foi esfarelando co tempo, Chao Rey lembra a xénese de Abrente. Todo comezou coa chegada dos tres cregos postconciliares que revolucionaron a vila e o instituto... e remataron sendo facturados no tren polo bispo megareaccionario Ángel Temiño. «Vimos que había outra maneira de facer as cousas e mesmo a xente que xa se fora da igrexa, coma min, conseguiron ilusionala para facer cousas. Xuntaron á xuventude: tiñamos un cineclub e proxectabamos na casa rectoral, unha coral, un grupo de teatro —Ernesto Chao e Rosa Álvarez estaban nel e dirixíanos Valentín Lorenzo—, organizabamos cursos de galego e máis cousas. Estamos falando de 1968, máis ou menos». Foron tempos difíciles, de prohibicións e censura, como cando ían celebrar una homenaxe a Picasso, unha conferencia de Xocas sobre o entroido ou o famoso episodio —con repercursión ata en Estados Unidos— da detención dos actores do grupo Los Goliardos.

 O soño dunha noite cumprido

«Isto non o dixen nunca, pero a Mostra naceu seguindo o modelo das Xogos Florais de Tui organizados por Manuel Murguía. Xa levabamos varios anos cos proxectos de teatro e quería buscar algo que xuntase á xente do sector, daquela todos os grupos eran afeccionados, e abrise Abrente a fóra de Ribadavia. Unha noite estaba na cama cavilando niso e lembreime dos Xogos Florais de Tui, que Murguía organizou en en 1891, e a importancia que tiveron para dinamizar a literatura galega. E pensei: Por que non podemos facer nós algo semellante co teatro? Propúxeno na reunión de Abrente, uns estaban de acordo e outros non, pero decidimos asumir o risco. Foi unha aventura porque non tiñamos un can pero a xente do teatro, artistas, intelectuais e mesmo persoas da Escola de Teatro de Barcelona respostaron e apoiaron a nosa idea. Botamos trece anos coa Mostra, logo asumiron a organización os comerciantes e máis tarde o Concello». Medio século despois e cunha chea de recoñecementos a Abrente, entre eles o Premio da Cultura Galega, reflexiona sobre a expriencia: «Nunca se nos pasou pola cabeza que aquilo seguise 50 anos despois e coa repercusión que tivo. Eramos moi novos!».

 Da Gordon´s a Sefarad

Como moitos dos mozos aos que a ditadura abafaba, Chao tamén tivo a súa etapa hippy. Viaxou a Holanda, Alemania, Londres e outros países. Viviu nunha comuna, coñeceu unha Holanda na que xa se vendía haxix en postos nas rúas segundo a súa procedencia —«aínda que daquela era ilegal»— e en Inglaterra traballou de lavalouzas, nunha pizzería e ata na cadea da fábrica da xenebra Gordon's. Reloxeiro e emprendedor, montou cun socio un local que segue activo —o Aljama—, participou no proxecto da frustrada adega de Ramón Tamames no Ribeiro e tivo unha casa de turismo rural na Arnoia.

O Centro de Estudos Medievais e a reivindicación do legado xudeu de Ribadavia foron iniciativas nas que se significou. «O CEM naceu co obxectivo de investigar e, ao mesmo tempo, amosarlle á xente a historia e a importancia do entorno no que está vivindo. O máis importante foi o congreso Xudeus e conversos na historia, de 1991. Por Ribadavia pasaron cincocentas persoas de todo o mundo. Tamén fixemos o Festival de Música Sefardí. A Xunta decatouse da importancia do noso legado, e Fraga deunos 13 millóns de pesetas —78.000 euros— para crear o Centro de Información Xudía de Galicia», lembra Chao.

O seu próximo libro incidirá na relación da escritora Rosalía de Castro co Ribeiro

José Luis Chao foi sempre unha persoa disposta a axudar e a implicarse nos proxectos vencellados á vila e ao Ribeiro en xeral. Xosé Lois García —a quen lle fixo de guía para o seu traballo sobre o románico na comarca— defíneo como «un activista e humanista que non proclama os seus bos e amplos faceres pola súa Ribadavia». Autor de case que cento cincoenta artigos, entre as súas publicacións está o libro Ribeiro, mucho más que un vino, no que afonda no feito de que grazas ao viño a comarca conta cun patrimonio histórico e cultural do que se gabar.

O seu próximo libro será A relación de Rosalía de Castro co Ribeiro. No mesmo defenderá a tese da importancia das familias Chao e Hermida, de Lebosende, no coñecemento e a relación da escritora co viño do Ribeiro. Entre outras cousas «os Hermida eran os donos do pazo donde viviu, o de Lestrove».

Traxectoria vital. 

DNI: 

José Luis Chao Rey (A Coruña, 1943) chegou a Ribadavia aos 8 anos. Durante case que 35 anos estivo á fronte da reloxaría que foi do seu avó e logo do seu pai. Ten sido un dos promotores ou participado en proxectos como a Mostra, o Centro de Estudios Medievales, Xornadas de Cultura Sefardí ou a Istoria, entre outros. Agora participa en Por un Ribeiro Poético.

O seu recuncho.

O castelo, daquela abandonado, era o patio de xogos dos rapaces do seu tempo. Tamén lembra cando había un bar e pista de baile dentro, onde agora está o auditorio que recorda a Rubén García.