César Fernández, del PP de Ribadavia :«O resultado foi histórico, estamos enormemente agradecidos á vila»

Cándida Andaluz Corujo
cándida andaluz OURENSE / LA VOZ

RIBADAVIA

El popular César Fernández consiguió mayoría absoluta en Ribadavia
El popular César Fernández consiguió mayoría absoluta en Ribadavia Santi M. Amil

O popular regresará á alcaldía tras obter maioría absoluta o pasado domingo

30 may 2023 . Actualizado a las 10:52 h.

O popular César Rodríguez será o alcalde de Ribadavia. Nas eleccións do 2019 a súa lista foi a máis votada e comezou o mandato gobernando en minoría. As forzas de esquerda, PSOE e Ribeiro en Común, tardaron dous anos en chegar a un acordo de goberno e en febreiro do 2021 levaron adiante unha moción de censura que arrebatou a alcaldía ó PP converténdose Noelia Rodríguez na nova rexedora. Dous anos despois, o Partido Popular volveu a gañar as eleccións, pero neste caso cunha maioría absoluta que garante a gobernabilidade.

—Como valora o que sucedeu este domingo en Ribadavia?

—O resultado foi histórico e estamos enormemente agradecidos á vila de Ribadavia polo inmenso apoio. Esta é a primeira vez na historia do Concello que hai unha maioría absoluta. A maiores implica unha enorme e profunda responsabilidade e tanto eu como e meu equipo temos que estar á altura da confianza que depositaron en nós os veciños. Comeza unha nova etapa e agora imos ter a sorte de traballar coa estabilidade que estivemos pedindo ó longo da campaña. Toca traballar e cumprir coas expectativas. O máis importante é devolver a confianza a Ribadavia.

—Cales cre que foron as causa polas que os veciños da vila apoiaron maioritariamente o Partido Popular?

—Seguramente foi a suma de moitas cousas. Cremos que a xente interpretou que a moción de censura que fixeron o PSOE e Ribeiro en Común non estaba xustificada. Como nós sempre defendemos, dende o principio. A democracia consiste en que a xente expresa a súa opinión. E os pactos de despacho que se fan con posterioridade xogando coa vontade da cidadanía non son gratis. E a xente falou e expresou co seu voto o que pensaba. En todo caso, o fundamental é que a veciñanza confiou no noso proxecto a na nosa proposta e decidiu.

—Que será o primeiro que faga nada máis sentarse no despacho da alcaldía?

—Empezaremos a traballar desde o primeiro día sen descanso. Hai moito que facer e o máis importante é devolver a normalidade ó funcionamento da institución. Deixaremos atrás as liortas que viamos nos últimos anos entre os membros do grupo de goberno e traballaremos de forma coordinada. Neste anos non se afrontou ningún dos proxectos nin necesidades estratéxicas do concello, e todos os esforzos se centraron nas guerras internas.

—Que proxectos cre indispensables para os próximos catro anos na vila?

—Para nós é fundamental a construción dunha nova residencia para os maiores. Tamén, dende o punto de vista económico, a ampliación de solo industrial para que se instalen novas empresas e mellorar todas as instalacións deportivas da vila. Tamén, a construción dunha nova captación de auga que garanta o subministro a todo o concello.