«Sabía que era a miña oportunidade de ter unha vida normal»

Fina Ulloa
fina Ulloa OURENSE / LA VOZ

OURENSE CIUDAD

CEDIDA

O cociñeiro afincado en Tenerife conta a súa historia -foi dos primeiros nenos galegos do programa Familias Acolledoras- para animar ós ourensáns a arroupar a menores que están en centros tutelados

02 abr 2016 . Actualizado a las 14:19 h.

Hoxe é un adulto de 36 anos. Cociñeiro de profesión, reside en Tenerife pero mantén o corazón en Ourense, onde ten unha familia da que presume. Unha familia que non é tal dende o punto de vista legal, pero si no afectivo. Silverio Barreiro chegou a casa de Remedios Seoane e José López en acollida cando tiña xa 17 anos. «Para min eles son meus pais e seus fillos son meus irmáns, e así os presento cando veñen a verme porque é como o sinto e polo tanto penso que non teño que dar máis explicacións. Son a familia que teño, para os bos momentos e para o malos, e a relación é a mesma que ten cos seus calquera fillo que traballa fora: falamos por teléfono durante a semana, eles veñen, eu vou varias veces o ano, pasamos xuntos o nadal...», resume.

Silverio levaba dende os sete vivindo nun centro de menores, xunto con unha irmá. A Xunta tiña a súa tutela desde que os afastaran dos seus pais biolóxicos, pero xusto aquel ano, en 1996, púxose en marcha un programa de acollida con familias para que este tipo de menores institucionalizados puideran vivir nun entorno máis axeitado para o seu desenvolvemento persoal e anímico. Contáronlle que era un proxecto piloto e que eles dous serían os primeiros irmáns que o farían en Galicia. «Os centros non eran cárceres, pero tampouco sitios agradables. Daquela ademais tiñan moi pouco que ver co que é o funcionamento de hoxe, que evolucionou moito e está todo moi controlado e non pode haber abusos de autoridade nen maltrato. De tódolos xeitos eu penso que, antes como agora, vivindo nun centro pásase bastante mal e non ten nada que ver con vivir nunha familia; non hai ese tipo de afecto. Alí es un máis. Un número. Baixo o meu punto de vista non é recomendable baixo ningún concepto».

Así que cando despois de once anos interno os responsables da Unidade de Menores lle propuxeron estrear o novo modelo de familias acolledoras non o dubidou. «Sabía que esa era a última oportunidade de ter unha vida normal. Eu podía ser un rapaz extrovertido e parecer un gamberrete pero votaba moito de menos ter outras cousas: comer en familia un fin de semana, que no teu cumpreanos che regalen cousas, que antes de durmir che dean as boas noites ou que te leven o médico sen ter que ir cada día con alguén distinto». Lembra que foi buscar a súa irmá para contarlle «que nos saíra unha cousa moi boa, distinta; e que aquilo tiña que saír ben».

Silverio non extrañaba especialmente ós seus proxenitores biolóxicos -«dende que nacín ata os sete anos a miña vida foi unha merda; así que o referente familiar que eu tiña era malo» confesa- pero sabía que existía outro tipo de modelo porque outros compañeiros do centro, pese a estar igual que el baixo tutela da Xunta, tiñan relación con seus pais «que viñan a velos os fins de semana ou os levaban con eles en Nadal ou en Semana Santa ou nas festas», conta.

O tempo demostrou que non se equivocou en aceptar a proposta de acollemento, aínda que recoñece que os primeiros tempos da convivencia foron «moi difíciles». Hoxe sabe que a idade na que o pillou o cambio, xunto coas carencias afectivas de once anos institucionalizado e sen trato familiar algún, estiveron detrás daquelas dificultades de adaptación. Tampouco axudou o feito de que o seu primeiro traballo fose co acolledor. «Tiñamos enfrontamentos. Calquera que traballe cos seu pai ou nai de xefe sabe que os roces e os problemas non quedan no traballo, senón que se levan para a casa. Pero ata iso lle debo. Se decidín formarme na Escola de Hostalería de Vilamarín e son cociñeiro é por el; porque el foi quen me meteu neste mundo», matiza. Silverio pensa que a clave do éxito no que resultou o seu acollemento estivo en que «todo o mundo puxo moito da súa parte».

Tamén sabe que non todos os nenos acollidos seguen integrados de forma tan estreita cos acolledores unha vez que a lei os converte en oficialmente donos do seu destino, pero aínda así recomenda a todas as persoas que están pensando abrir o seu fogar a un neno como foi el que non deixen pasar a oportunidade. Sabe das do chamamento que fixo a Cruz Vermella para atopar a novas familias acolledoras en Ourense dispostas a abrir as portas do seu fogar a rapaces como el. «Que non teñan medo; eses nenos están aí porque os separaron da súa familia e eles non teñen culpa», reflexiona.

«Quizá o meu sexa un final utópico, pero se algo aprendín na vida é que hai que vivir cada oportunidade, porque cando te das conta ese momento pasou e non podes volver para atrás. E cando fas as cousas con ilusión, todo ten recompensa», engade. Silverio sente que a vida lle deu o premio a unha ilusión. «Non hai maior recompensa que ter unha familia unida, que te valoren e que te queiran. Ter unha familia non ten prezo», sentencia.