As Xociviga entregarán os seus premios anuais a Rosa Álvarez e Xosé Enrique Acuña

La Voz OURENSE

O CARBALLIÑO

O xurado salientou a dilatada traxectoria da actriz e as aportacións do editor, xornalista e escritor á cultura galega

01 ago 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

As Xornadas de Cine e Vídeo en Galicia entregarán os seus premios desta edición a actriz Rosa Álvarez e ao editor, xornalista e escritor Xosé Enrique Acuña. A decisión das Xociviga foi anunciada onte nunha rolda de prensa celebrada na casa consistorial carballiñesa, cita na que participaron representantes do Cineclube Carballiño, o Concello e o xurado encargado de fallar os galardóns que concede anualmente o certame audiovisual.

O xurado deste ano estivo formado polo cineasta, escritor, debuxante e crítico de cine Eduardo Galán, o locutor de radio e crítico de cine da CRTVG Moncho Lemos, o exdirector das Xociviga e escritor Xosé Prada Martínez, o presidente do Cineclube Carballiño, Miguel de Cabo e Diego Fernández, concelleiro de Cultura. Os encargados de elexir ás persoas que recibirán os recoñecementos do festival acordaron conceder a Xociviga de Honra á actriz Rosa Álvarez. O xurado valorou neste caso «a súa dilatada traxectoria de varias décadas, sobre os escenarios e máis no cine e na televisión nos seus diferentes formatos, compondo unha chea de personaxes nos que deixou pegada da súa versatilidade e bon facer dramático no ámbito teatral e audiovisual de Galicia».

Os membros do xurado decantáronse á hora de conceder a Insignia de Ouro das Xociviga pola figura de Xosé Enrique Acuña. Na comunicación da decisión, lembrouse que o «editor, xornalista e escritor leva contribuído á recuperación da memoria gráfica e visual de Galiza por medio dunha traxectoria configurada dende un amplo abano de publicacións, edicións e, sinaladamente, como comisario de exposicións fundamentais para os procesos de restauración e posta en valor da nosa historia contemporánea».

Xosé Enrique Acuña foi galardoado no ano 2010 co Premio da Crítica de Galicia e é autor de distintos traballos centrados no mundo do cine e a fotografía. Como escritor é autor da novela O café do idioma. Acuña foi director literario de Edicións A Nosa Terra e, con anterioridade, exerceu como coordenador de exposicións no Museo de Pontevedra.

Vencellado ao certame

O galardoado coa

Insignia de Ouro das Xociviga

formou parte, entre os anos 1987 e 1992, do equipo de dirección das Xornadas e foi responsable de moitas das exposicións e publicacións do festival.

As Xornadas de Cine e Vídeo en Galicia son o festival audiovisual más antigo da comunidade, celébranse dende 1984, e este ano serán entre o 12 e o 16 de agosto.