Antón Rodicio: «Na provincia de Ourense é onde están as presas máis interesantes e onde máis hai»

x. m. r.

OURENSE

Antón Rodicio na súa exposición no Marcos Valcárcel
Antón Rodicio na súa exposición no Marcos Valcárcel MIGUEL VILLAR

Unha exposición fotográfica no Simeón amosa os encoros que se poden ver nos ríos galegos

13 mar 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Ata 31 de marzo • Visitas guiadas: xoves, ás 19.00 horas • Centro Cultural Marcos Valcárcel • Antón Rodicio amosa no Simeón o seu proxecto «Presas. La fuerza domesticadora de lo grande». As fotografías son de encoros de toda Galicia e as mesmas compleméntanse con textos informativos, expositores con libros e documentos e un vídeo sobre estas intervencións que foron modelando a paisaxe galega.

—Cando decide desenvolver a iniciativa?

—Traballei en libros de fotografía sobre a Ribeira Sacra e de paisaxes, tanto desa zona como do resto de Galicia. As presas chamáronme dende pequeno porque son de Cerreda, en Nogueira de Ramuín, e alí á beira —a uns tres quilómetros— está a de Santo Estevo.

—E púxose ao traballo.

—Recompilando e ordeando o material decateime que tiña unhas cantas, e decidín que lle ía dedicar un chisco de tempo para facer un proxecto específico sobre elas.

—Son só de Ourense ou de toda Galicia?

—De toda a comunidade, pero maioritariamente da provincia de Ourense. É onde máis hai e onde están as máis interesantes. Santo Estevo, As Portas, O Bao, Prada —que é a que me causou máis impacto—. En total están recollidas doce presas: da do Eume ou Eiras —que abastece a Vigo— a Belesar, entre outras.

—Das que recolleu ao longo do proxecto cal destacaría?

—As miñas preferidas son tres. As Portas é a máis alta de Galicia, 141 metros, e impresiona moitísimo porque xusto pasa ao pé dela a estrada de Vilariño de Conso á Gudiña e vela desde esa ponte é algo que impacta. Belesar é moi fermosa e foi un símbolo do franquismo: con 129 metros de alto e unha cola de 50 quilómetros é a máis grande de Galicia. Na ditadura organizábanse viaxes en bus para ir vela. E logo Santo Estevo, con 115 metros, que está situada nun espazo espectacular: no máis recóndito e estreito do Canón do Sil. E cunha historia sorprendente, xa que en 1959 unha falla do terreo —na zona onde apoia a presa— provocou un escorregamento de rocas e houbo risco de rotura. A rápida reacción evitou problemas.

—Que respostas lle chegan?

—Á xente coincide no impacto das imaxes. Para iso foron captadas e para amosar a beleza da que estamos rodeados e que moitas veces non coñecemos. E tamén os anima a achegarse a eses sitios recónditos e apartados aos que non imos. Outros interésanse por como foron feitas. No caso de Prada dende o mesmo pé da presa, a catro metros e cun gran angular, por iso impresiona á xente.

—Realiza visitas guiadas?

—Si. Todos os xoves ás sete da tarde amoso o traballo e resposto ás consultas que se me fan sobre as imaxes.