Carta aberta a Ximena González

La Voz

FIRMAS

12 may 2013 . Actualizado a las 06:00 h.

Dende que chegaches ó Concello deches, estimada concelleira do BNG, mostras dunha rebeldía que xeraba ilusións. Víate nos plenos como unha persoa nova á que os sucesivos escándalos do BNG (paneis e Pokémon) levaran á primeira liña da política. A petición de retirada do cadro do Rei, as túas mensaxes nas camisetas en pro dos afectados polas preferentes ou de T-Solar e en contra de Rajoy e Feijoo, mostrábante doutra pasta. Ata o xoves no que co teu voto (¡ai, o poder dun voto!) a favor dos que gastan en festas privadas os cartos públicos vimos a túa auténtica faciana. Puideches dicir, ¡basta xa! Basta xa de gastar en mariachis e alcohol a suor impositiva dos ourensáns. Basta xa de falta de ética nos servidores públicos. Tan só dixeches ¡amén! Non che pareceu censurable que se gastasen os cartos dos ourensáns en whisky escocés, xenebra inglesa, ron caribeño e corridos mexicanos. ¡Viva o nacionalismo! ¡Viva o teu compromiso coa rexeneración democrática! A túa política de pancartas e camisetas non tiña nada detrás. Puro conto. Es unha teórica do compromiso. Na práctica, unha submisa á indecencia política. ¡Que decepción!