A memoria do profesor Schneider volta a Lobeira da man dos amigos

xosé manoel rodríguez OURENSE / LA VOZ

OURENSE

Cedida

13 jul 2012 . Actualizado a las 07:15 h.

En 1933 un mozo chamado Hans Karl Schneider (1912 - 1991) visitaba Galicia e viaxaba ata Lobeira para estudar o dialecto do Val do Limia. O que logo foi un recoñecido lingüista da Escola de Hamburgo mantiña relación con Vicente Risco e con Xaquín Lorenzo, e precisamente na casa deste último en Facós (Lobeira) foi onde estivo vivindo Schneider durante a súa estadía en Lobeira. Ao cumprirse o centenario do seu nacemento, un grupo de amigos coordenados e impulsados por Consol Truchero i Coma, profesora xubilada da Universidade de Barcelona, organizou un homenaxe ao desaparecido profesor. As actividades en memoria de H. K. Schneider desenvólvense entre hoxe e mañá en Allariz e Lobeira. Para esta tarde, ás 20.30 horas na Fundación Risco de Allariz, está programada unha mesa sobre o homenaxeado na que participarán Jügen Misch, José María Navarro de Adriaenses, Xosé Luis Regueira e Consol Truchero i Coma. Julio García Golpe, da Fundación Risco, falará antes sobre A Galiza que coñeceu Schneider e proxectarase o documental O carro e o home. O sábado haberá unha visita a Lobeira e a Baixa Limia, pechándose a xornada cun xantar en Lobeira e a disertación de Heinrich Allers titulada Lembranza e anécdotas de Schneider.

Consol Truchero lembraba onte como coñeceu ao profesor «cando me fun en 1974 a ampliar estudos. El era unha autoridade e gustaba da literatura e de todo o que tiña que ver coa investigación, a filoloxía, a lingüística e mantiña unha fonda relación cos galegos e cataláns que estaban emigrados en Alemania». Truchero pasou catro anos en Hamburgo e un día prometeuse a si mesma «que iría a coñecer Lobeira».