Con Kathleen March en Mondariz

Víctor F. Freixanes
víctor f. freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

MONCHO FUENTES

24 sep 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Celebramos a incorporación de Kathleen Nora March como académica de honra na RAG e conmemoramos o ingreso de Ramón Cabanillas hai 103 anos na mesma institución; unha e outro na vila de Mondariz, que nos dous casos se vestiu de gala para recibilos. En Mondariz-Balneario, o concello máis pequeno de España en extensión (non en habitantes), e poida que tamén de Europa, escribiu e publicou Cabanillas algunhas das súas grandes obras de referencia: A man de santiña (1921), O bendito san Amaro (1926, con debuxos de Castelao), Na noite estrelecida (1926), A rosa de cen follas (1927)… En Mondariz concibiu, xunto con Antón Vilar Ponte, a obra de teatro O mariscal, que logo sería estreada como ópera no teatro Tamberlick de Vigo (1929), con música de Eduardo Rodríguez Losada. 

Residía o poeta na vila-balneario como xestor e animador sociocultural. Entre outros labores, era responsable da publicación do periódico La Temporada. Ingresou na RAG o 31 de agosto de 1920, nun acto solemne ao que asistiron académicos e autoridades.

Onte recibimos a Kathleen March como académica de honra. Rosario Álvarez Blanco salientou no discurso de ingreso os seus moi variados méritos, mais hai un aspecto que eu quixera subliñar, e que non desmerece outros, senón que os complementa: a intelixente e xenerosa iniciativa que dende hai anos Kathleen vén desenvolvendo a prol da proxección exterior da nosa lingua e, sobre todo, da nosa literatura, con traducións, estudos e promoción de plataformas de difusión que tanto necesitamos. «Deixemos de pensar na literatura galega como pequena, non relevante máis alá da raia, non universal», proclama ao final do seu discurso, lembrando palabras históricas de Vicente Risco: «Que medre aínda máis depende de moitas persoas, aquén e alén do mar». Depende de todos e todas nós, diría eu.

Nesta liña de compromiso naceu nos primeiros anos 80 a Asociación Internacional de Estudos Galegos, institución que cada tres anos convoca encontros en todo o mundo arredor da literatura galega. O primeiro celebrouse na universidade americana de Maine, onde Kathleen March era profesora. Ela foi o seu motor principal. Mais van trece edicións dende aquela: Nova York, Oxford, Trier, en Alemaña, A Habana, Salvador de Baía, Bos Aires, Madrid, Varsovia… A próxima está programada na Universidade do Minho (Braga/Guimarães). En cada convocatoria elíxese unha presidencia e un novo equipo para xestionar cadanseu encontro. Non podo esquecer algúns que xa non están: Xoán González Millán en Nova York, Basilio Losada en Barcelona e Brasil, aos que lles debemos tanto, e mais outro académico de honra que co mesmo espírito segue connosco: John Rutherford (o Reino Unido). Son fiestras abertas ao mundo, das que nos sentimos agradecidos e orgullosos.