Audiodifusión global

Xavier Alcalá
Xavier Alcalá A VOO DE TECLA

OPINIÓN

AHMED JALLANZO | EFE

03 mar 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Pasou o Día Mundial da Radio, primeiro medio de comunicación masiva en se apoiar na fala. Coa radio deixou de ser necesario saber ler para informarse, e encheuse o mundo de música. Pasado un século, ese medio xa pouco ten que ver co primitivo, salvo na maneira básica de usar as chamadas ondas electromagnéticas.

Agora canto se produce para mandar á antena emisora está dixitalizado, os programas pasan en paralelo a un ordenador-servidor conectado á internet e pódense oír en calquera momento, con calquera dispositivo electrónico a través da web.

Morreu o concepto do directo, a idea de estarmos pendentes do que anda polas ondas. A radiodifusión, se cadra, deberíase chamar «audiodifusión global con participación da audiencia», pois nunca tan doadamente os oíntes puideron entrar nos programas, grazas á telefonía móbil e ás aplicacións de redes sociais.

Ora, hai unha diferenza que é totalmente fundamental entre escoitar un programa «polo aire» en tempo real ou por medio da internet que comunica a audiencia cos servidores da web: unha emisora de radio pode chegar coas ondas que emite a infinitos receptores, en canto os servidores atenden moitos dispositivos «clientes» mais nunca infinitos; e a chamada «robustez» (en termos técnicos) da radiodifusión pura é moi superior á da internet: ocasións xa houbo para demostralo.