O noso Xavi Hernández

César Casal González
César Casal CORAZONADAS

OPINIÓN

10 jul 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai novas que barullan e alborotan o sangue coma bolboretas. Entre as moitas habelencias que tiña Carlos estaba a da estraña maxia do cotián. Facía de calquera cousa un aparello para soñar. Collía a variña dunha columna en La Voz e compoñía música. O noso Mozart de cada mañá nas páxinas da xornal. Mudaba o ordinario en extraordinario. Como o fenómeno que era para contar historias. Casares e o gato Samuel. Casares e os veciños. Casares e Clío. Casares é da familia de Camba, cun toque tolo de Cunqueiro. Por riba, para a cultura galega, para a causa, foi durante moitos anos o Xavi Hernández das letras. Coma o xogador da selección, repartía xogo cunha facilidade que fería o vento. O do Carlos era nada máis cun apetito insaciábel pola vida e por Galicia. E nada menos. A normalidade como centro do mundo. Galicia como escudo, como Galaxia. A lóxica do próximo que che deixa espido. Un abeiro. Viña da mesa camilla de Ramón Piñeiro, esa mesa redonda de cabaleiros, de Galahad, de Perceval, de Lanzarote do Lago. Todo o da xente do común inventouno Carlos sen decatarse. Regalaba o talento cada vez que falaba. E o home das anécdotas lendarias. Unha comida con el era unha fiestra. E unha festa. Inesquecíbel, a Academia fixo onte pleno de verdade. O escritor á marxe que máis enchía as velas dos corazóns mutilados de vivir estudarase nas escolas como Día das Letras do 2017 e os que gañarán serán os nenos e nenas do país. Entre os xoguetes do Carlos non estaba o medo. Sentado no colo dun sillón azul, parolaba coma un Deus.