Unha proposta a ter en conta: o MIR docente

Celso Currás
Celso Currás A NOSA ESCOLA

OPINIÓN

14 ago 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Ciudadanos acaba de sumarse á proposta feita hai xa anos polos demais partidos políticos, de implantar un plan de formación dos profesores similar ao dos médicos internos residentes (MIR). Non é nada novo no ensino primario, pois o vello plan de estudos de Maxisterio, do ano 1967, xa contaba cun curso enteiro de prácticas traballando nun centro educativo, despois de dous teóricos nas Escolas Normais. Existía ademais acceso directo por méritos ao corpo de mestres, sen ter que pasar por una oposición.

En secundaria, sen embargo, non había esta posibilidade. O único exercicio práctico da docencia na formación do profesorado eran uns meses nun instituto, no marco do desaparecido curso de aptitude pedagóxica (CAP), substituído hoxe polo máster de secundaria. O primeiro sempre foi moi criticado pola súa ineficacia na formación pedagóxica e práctica dos docentes e o novo máster tamén está a ser cada día peor valorado, entre outras razóns por non ter corrixido os fallos do anterior.

De aí a inclusión nos programas electorais da proposta dun modelo MIR para a formación inicial práctica do profesorado. Pero ten que haber importantes cambios no ámbito educativo para que lle sexa transferible este sistema do sanitario. A titoría dos profesores en prácticas nunca funcionou ben, pois estes acaban indo por libre e consideran esta parte da súa capacitación coma unha auténtica maría. Tamén brilla pola súa ausencia a coordinación entre os responsables da formación teórica, nos centros universitarios, e os titores encargados de supervisar as prácticas na aula.

Por outra parte o sistema segue a reproducir, en xeral, metodoloxías tradicionais, cando o que demanda a actual sociedade son outras maneiras de ensinar e de aprender. Segundo un recente informe da OCDE, as técnicas docentes que se afastan da lección maxistral teñen un efecto positivo no rendemento do alumno en materias esenciais do currículo. Hai en marcha moitas experiencias que van estar presentes nas aulas do século XXI: bo uso das novas tecnoloxías, traballo por proxectos, intelixencias múltiples, traballo cooperativo e en equipo, educación emocional, etcétera. Nelas hai que formar aos profesores noveles, tanto teórica como practicamente, da mesma maneira que un cirurxián afonda no coñecemento do corpo humano e pasa moitas horas no quirófano practicando as últimas técnicas cirúrxicas.

Copiar do sistema MIR supón tamén un novo método de selección dos profesores, pois o actual quedou obsoleto e xerou unhas interminables listas de interinos, como consecuencia da pésima xestión da educación nalgunha comunidade autónoma e das esixencias da Unión Europea, no marco da crise económica e, xa que logo, da restrición na convocatoria de prazas de función pública.