Unha Europa sen maneiras

OPINIÓN

13 jul 2015 . Actualizado a las 08:47 h.

¿Que está pasando en Europa para que xa nin maneiras teñamos? Non falamos agora de capacidade política nin doutras capacidades hoxe tamén ausentes. Só nos referimos a ese mínimo e indispensable saber estar esixido a todo dirixente, sexa político ou de calquera outra índole.

A directora do FMI, porque non lle gustaba oír o que dicía o interlocutor grego, non ocultou o seu alporizamento e dixo que en diante habería que tratar con adultos. Á marxe de que non debía de ter noticia da personalidade intelectual do seu interlocutor (os seus libros non parece que sexan lectura moi a xeito para o FMI, e para moitos outros), esas maneiras non son as que se acostuman ver no mundo da relacións internacionais. Nin en ningures, agás na praza ou na feira.

Nunca, nin en Europa nin noutra parte, se puido presenciar unha campaña tan miserenta, chea de embustes, de presións en procura dun voto contrario ao que se pensaba que podía conceder, e concedeu, o pobo grego. A soberanía é a da troika, non a do pobo grego.

Poucos actos tan vergoñentos como ver a quen preside o Eurogrupo meter medo aos gregos para procurar torcer o seu voto. Tanto ou máis que os que difundiron imaxes de supostos andeis baleiros de supermercados, para dar unha imaxe de desfeita que moitos zombis enguliron como verdadeira.

¿É ese o país serio que somos? Non, o que somos é un país que puxo a intelixencia ao servizo do terrorismo financeiro, que nada lle importa a democracia e si a prepotencia, a arrogancia e o asoballamento dos dereitos dos demais, e que despreza a cultura, a solidariedade e o benestar -se é o dos demais-. E enriba, con maneiras de pailáns.