Morramos como galegos

Lourenzo Fernández Prieto < / span>

OPINIÓN

21 dic 2014 . Actualizado a las 04:00 h.

Doulle a volta a ese slogan que nos enche de orgullo porque lembra o ben que comemos, o moito que disfrutamos da vida e a nosa capacidade de cooperar. Será certo ou non, pero gústanos de raio vernos tal como nos presenta esa publicidade que amosa o enorme poder da comunicación cando logra identificar un colectivo -neste caso o dos galegos e galegas- e empatizar con el. Pero non se trata de darlle a volta ao anuncio para tratar dos ritos funerarios da tribo, nin da esmorecente demografía. Morramos como galegos refírese a unha parte importante -cada quen decidirá canto- do que somos que se vai indo. Á lingua que aprendemos dos nosos pais e que, segundo certifican as estatísticas, falamos xa menos do 50 %.

O do idioma é un devalo silandeiro e calado. Somos tan discretos nisto como o foron os nosos devanceiros en resistir aos rendistas para facerse donos das terras aforadas ou ao Estado para defender os montes de veciños. Silandeiro, pero non descoñecido: dende o Informe dramático (1973) ate hoxe tivemos oportunidades para corrixilo. Fixéronse tantos diagnósticos, análises socio-lingüísticas, traballos de expertos, leis, políticas públicas, disputas normativas e manifestacións, moitas manifestacións e, discursos, moitos discursiños cursis, que non ensaiarei aquí e agora explicación ningunha. Uns quixeron ligar o seu futuro ao ensino e, outros, por veces os mesmos a unha posición política. O único que non foi necesario foi que nolo mandaran falar na casa -ao revés-, como pretende a CSU de Baviera co alemán. Pero foi iso o que o mantivo vivo polo de agora.

Entre tanta análise só aporto unha historia persoal que dende hai quince anos marca para min ese devalo. Era visto, vas caer, diría a vella do anuncio! Os meus fillos entraron na gardería contando, cantando e falando galego, tamén no castelán maioritario do entorno e das televisións. Pero o idioma que falaron sempre a cotío os seus catro avós desapareceu en poucos meses das súas vidas para volver só ocasionalmente, en intentos frustrados ou ocasións especiais. A culpa non foi da escola. Foi da ilusión colectiva de que todo estaba garantido e que a min me resulta absolutamente contrafactual. A historia da perda do galego é oposta á da recuperación do hebreo, que empezou hai cen anos ao adoptarse como o idioma das escolas hebreas en Palestina; todo empezara en 1882 coa educación dun neno nunha lingua que quedara reducida aos textos sagrados...

Hoxe podemos falar de capacidade de elección, pero o certo é que hai medio século, na ditadura, cando o 80 por cento falaba galego, aprendiámolo sen querer; outro conto era como, onde e cando usalo: cando íamos á aldea, cantando nas vodas ou contando chistes. Daquela, hai medio século, o 75 % vivía da agricultura e no rural. Vivimos aínda daquel remol e hoxe as estatísticas din o que lles queremos dicir pero descobren o que xa sabiamos: que estamos a deixar de usar a lingua dos nosos pais, que non nos interesa usala. Visto historicamente parece evidente que non sacamos o idioma da aldea e das minoría cultas, tal como estaba en 1936. Dende hai cincuenta anos a aldea é desprezada e a cultura xa non é cousa de minorías.