Iletrados e bárbaros

LUGO CIUDAD

15 jul 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Este par de rotundos adxectivos son os que X. L. Franco Grande dedica aos críticos coa eleición de Filgueira Valverde por parte da RAG. R. L. Blanco Valdés xulga que «para el nacionalismo, o eres de su tribu, o eres un villano». Hai cualificativos que os carga o demo, porque corren o perigo de se volveren como un boomerang contra quen os utiliza. Vexamos. Faltaría máis que non se pudese xulgar, valorar ou criticar unha decisión da Real Academia Galega, sendo, como é, unha institución que recebe fondos públicos de todos nós, de todos os galegos e galegas, vía orzamentos autonómicos e do Estado (algúns, como quen isto escrebe, algo tivemos a ver, non hai tanto tempo, para que aumentasen). En segundo lugar, cóubome ler críticas, reservas ou xuízos contrarios á decisión da RAG por parte de acreditados autores aos que coido que nen a hipérbole máis abusiva podería cualificar cos adxectivos arriba mencionados. Non, non penso que Xavier Alcalá, Ramón Nicolás, Xosé Luís Axeitos, Carlos Callón ou Manuel Rivas merezan tais disfemismos. Supoñer, en terceiro lugar, que non temos lido obra de Filgueira Valverde é ousada presunción. Lémola, como inclusive lemos (falo de min) obra de Franco Grande, desde Vieiro choído a Os anos escuros, por só citar dúas. Algo fomos lendo, si? En fin, xulgar o campo do nacionalismo de tribal e acusalo de que considera «villano» todo o exterior a el é deosto que define o prexuízo de quen o fabrica, non o suxeito que condena.

Filgueira Valverde non é un simples transeúnte da longa noite de pedra. Foi actor principal do réxime que se inaugura a partir de 1936. Este réxime non só continúa, senón que acentúa até o paroxismo a subordinación da nosa terra, o castigo aos seus habitantes, a prohibición absoluta de usar o galego publicamente, a censura inclemente para creacións literarias, teatrais, musicais? e xa non digamos para a mínima expresión política que pretendese airear que o povo galego existía como tal. Isto é máis que coñecido e sabido, mais hai un aspecto da maior importancia que salientamos agora: o intento de reinstaurar unha ideal neutralidade no campo cultural, en virtude da cal a escisión política-cultura sería posíbel.

Vexamos de novo. Filgueira (á parte de procurador en Cortes, alcalde promotor da fedorenta celulosa, director de instituto, colaborador na penosa substitución do benemérito Seminario de Estudos Galegos polo «Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento») foi, durante 46 anos nada menos, director do Museo de Pontevedra. O público galego debe saber, por exemplo, que endexamais a inxente obra artística de Castelao se puido, nen se pode, contemplar íntegra. Debe saber que os álbumes de guerra deste autor só se puideron coñecer (31 estampas en total) na exposición A derradeira lección do mestre (Museo Provincial de Lugo, 2010) que tiven a honra de comisariar con Felipe Senén.

Afinal: é a propia comisión executiva da RAG a que di non ter avalado esta proposta (?). Rebus sic stantibus, modérense, por favor. Querer silenciar o diverxente só retrata a quen o pretende.

María Pilar García Negro é profesora da UDC e escritora.