Corrupta plutocracia

Xavier Vence

OPINIÓN

21 jul 2013 . Actualizado a las 06:00 h.

Apeor corrupción é gobernar ao servizo dos corruptores, en contra do pobo. Os papeis de Bárcenas e dos xerentes do PP (central e galego) poñen ao descuberto unha trama de financiamento ilegal ao longo de máis de dúas décadas. A cadea revela non só o inmoral presebe dos austeros dirixentes do PP cobrando en negro sobresoldos, senón e sobre todo as vías ilegais polas que chegaban ao PP fondos de donantes nada altruístas.

Independentemente dos delitos fiscais e penais que poida establecer a Xustiza (agardemos que con independencia), o coñecido debe conducir xa á urxente depuración de responsabilidades políticas. A podremia pon en causa a lexitimidade de ambos Gobernos, vicia de raíz os procesos electorais e deslexitima a acción deses Gobernos que adoptan decisións das que benefician as grandes empresas que participan xenerosamente no seu financiamento. Rajoy, mentres se nega a comparecer diante da Cámara que o elixiu, escenificou hai días na Moncloa a súa alianza obscena cos 17 plutócratas do país, case todos madrileños, entre os que están o seus financiadores e os verdadeiros amos que impoñen as políticas devastadoras do país e a recentralización do Estado.

Na medida en que non só estamos a falar da corrupción de Rajoy, Feijoo e outros dirixentes senón do financiamento ilegal do PP, non de xeito puntual senón estrutural, non sería lexítimo nin aceptábel un recambio desde dentro do partido. Menos aínda un autogolpe desde a caverna da dereita ultracentralista madrileña. É preciso convocar eleccións anticipadas en Galiza e no Estado para que a cidadanía teña a oportunidade de recuperar o poder democrático.

Xavier Vence é o líder do BNG