A última fronteira do bosque

Pablo Ramil Rego DE COTÍO

OPINIÓN

03 abr 2012 . Actualizado a las 10:40 h.

O termo fraga alude a aquela parte do territorio con vexetación impenetrable, que serve de refuxio aos animais salvaxes. As fragas de oso e porco de monte, na xerga de Alfonso XI, foron a última fronteira do bosque, o exilio dourado para moitas especies que por acción das vicisitudes climáticas e humanas atoparon nestes agrestes vales a súa última morada.

As ordes monásticas buscaron aquí, entre os vellos carballos e un río con abundantes reos e salmóns, un lugar de paz e retiro. Coa desamortización iníciase o ocaso deste Edén, e unha explotación irracional que hoxe designamos como insostible. Do río cantareiro soamente permanece a súa lenda. E os carballos, que noutras épocas perfilaban os cordais montañosos, son agora superados por piñeiros, eucaliptos e postes da luz, nunha imaxe cada vez máis próxima á de foresta animada de Wenceslao Fernández Flórez, senón fose polo inxente coro de especies invasoras, que se diseminou por todo o val.

A fraga iniciaba o século XXI con males imputables a unha vellez mal levada, con demasiados cambios de gálenos, con vicios irrecoñecibles. Un historial pouco recomendable para un bosque antigo. Pero a pesar diso, era o bosque mais extenso da rexión atlántica, ata que nunha tarde de primavera o transformaron en carbón e, roubáronnos unha parte irrecuperable do noso patrimonio natural.