A muller Akha

Jorge Lombos Gracia

CULTURA

Relato de verán de Jorge Lombos Gracia (Florencia, 38 anos)

01 ago 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

O barco entra no golfo de Tonkín, preto da fronteira china. Consigo burlar a corentena e escapo a Laos. Piso terra firme, a primeira persoa que vexo é unha fermosa muller Akha que mantén o meu ollar famento. Aínda gardo o ritmo do mar no meu corpo. Persigo a muller por toda a cidade. Os recordos da travesía máis dura da miña vida rodan pola miña cabeza, mentres o meu corpo o fai escaleiras abaixo.

Aterro nun soto con cheiro a humidade, opio e suor. Axúdanme a levantar mentres un home me convida a sacar a roupa. Lévanme ata un banco de madeira. Sorpréndeme que a xente coma coas mans a pesar de estar espidos. Outro home cun balde cheo de auga turbia e xabón axeónllase e comeza a lavarme cun cepillo que se leva semanas de microcultivos e recordos. Ao terminar verte auga case fervendo sobre o meu corpo e acto seguido deixa caer sobre a miña cabeza unha fina escarcha de xeo. A miña pel tolea, o mareo en terra elévase por riba da miña testa e vontade. Ao final bota aceite sobre o banco no que me obriga a tombarme. Os meus ouvidos perciben un leve ronroneo, como se habitásemos o interior dun monstruoso gato que acarician.

Aparece unha saborosa parella que se deita no banco de enfronte, espidos e limpos. Sérvenme unha mazá Fuji, métoa na boca, alimento o meu corpo que comeza a caducar polo escorbuto. El mastiga uvas que pasa á boca da muller mentres se crean pequenos meandros nas comisuras dos labios.

Chega á miña mesa una sopa de verduras kay choy con mero, tofu, fungos e kion cociñado no caldo do mero. A muller comeza cun sinxelo arroz con gambas e moito allo, o seu acompañante porco agridoce con tofu. Retiran os pratos e abordo á parella para deixar que proben os sabores que esconde o meu corpo. As mans conservan aínda os aromas das súas degustacións. A miña atención pérdese no segundo prato, un bol con caracois, xenxibre, arroz, ceboleta e pementa. Aparece o shao jiu que bebo dun colpo, abraso as entrañas do meu corpo pero desaparece o mareo e recupero a cordura o tempo suficiente para chegar o Aldebarán e comprobar que a policía non rexistrou os conxeladores do buque.

Jorge Lombos Gracia (Florencia, 38 anos).