Unha mostra antolóxica rende homenaxe a Miguelanxo Prado

Patricia Calveiro Iglesias
P. Calveiro SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

A célebre imaxe que Miguelanxo Prado empregou na capa do seu emblemático álbum «Trazo de xiz» forma parte da exposición.
A célebre imaxe que Miguelanxo Prado empregou na capa do seu emblemático álbum «Trazo de xiz» forma parte da exposición.

Medio cento de ilustracións resumen en Santiago trinta anos de carreira

25 jul 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

O percorrido profesional de Miguelanxo Prado (A Coruña, 1958) está debuxado nunha mostra antolóxica que dende onte e ata o vindeiro día 31 de decembro se pode visitar en Santiago. Cincuenta e unha obras compoñen Mar interior, que recolle unha escolma coas imaxes máis significativas do autor galego entre as máis de cinco mil páxinas que ten publicadas en historietas, portadas, carteis e colaboracións con multitude de escritores. «Trátase da primeira homenaxe en Galicia a Miguelanxo Prado tras ser nomeado Premio Nacional de Cómic no 2013», sinala Fausto Isorna, quen ademais de compartir profesión é o comisario da exposición organizada no corazón da capital galega polo Consorcio de Santiago, na terceira planta do Museo das Peregrinacións.

Prado é un dos debuxantes europeos máis recoñecido e valorado internacionalmente tanto polo público como pola crítica. Comezou colaborando nos anos oitenta nalgunhas das revistas gráficas máis importantes a nivel nacional, como El Jueves, e en 1984 publicou o seu primeiro libro. Enciclopedia Délfica foi o arranque dunha carreira estelar ao longo destes tres decenios.

Ciencia ficción

A exposición conmemorativa, unha produción de El Patito Editorial, remóntase ás páxinas desa historieta de ciencia ficción, das poucas onde a cor non inunda o marco. A mostra detense nunha longa parede de ilustracións feitas no eido da literatura, especialmente a xuvenil, onde o debuxante fixo numerosas achegas, poñendo cara aos textos de escritores como Xosé Luís Méndez Ferrín, Agustín Fernández Paz ou Manuel Rivas. Así, entre as xoias que penduran no museo da praza das Praterías, atópase unha ilustración da afamada obra A lingua das bolboretas, na que figura o primeiro rostro do vello mestre republicano que máis tarde adoptaría no cine a faciana de Fernando Fernán Gómez.

A poucos metros está a personaxe máis afamada de Prado, Xabarín, que marcou a toda unha xeración de cativos traspasando a televisión a outros moitos soportes como revistas, carteis e mesmo espectáculos en vivo. Un pequeno recuncho audiovisual proxecta a longametraxe do popular porco bravo.

Traballo inxente

Isto non é máis que unha introdución á sala principal, onde o mar, as paisaxes e a propia cidade de Compostela acaparan todo o protagonismo. «A mostra sobrevoa toa a obra publicada de Miguelanxo sen contar coas obras de pintura, e falamos de sobrevoar pola dificultade que entraña resumir un traballo tan inxente», apunta Fausto Isorna, quen incidiu no carácter introspectivo da proposta.