Kiko da Silva gaña o premio de banda deseñada Castelao con «O inferno do debuxante»

Redacción / La Voz

CULTURA

O relato conta a historia dun artista que nunca é quen de publicar ningunha das súas creacións porque sempre atopa que outra persoa xa o fixera antes

01 jul 2014 . Actualizado a las 09:23 h.

O artista vigués Kiko da Silva -«pontevedrés de adopción», corrixe el con humor- impúxose na novena edición do premio de banda deseñada Castelao que promove a Deputación da Coruña ca obra que presentou baixo o título O inferno do debuxante. Así o decidiu onte o xurado -tomaron parte nas deliberacións Miguel Anxo Prado, Ángel de la Calle e Carlos Portela, reunidos na sé da institución provincial-, que valorou a «grandísima calidade» dos trece orixinais que concorrían este ano ao certame, unha cifra que marca un récord de participación nesta convocatoria.

O autor recibirá como recoñecemento unha compensación en metálico por un importe total de 6.500 euros, así como a publicación da obra por parte da propia deputación.

O relato ideado para a ocasión por Da Silva conta a historia dun home chamado Manuel Pardo, un debuxante que nunca é quen de publicar ningunha das súas creacións porque sempre se atopa con que algunha outra persoa xa fixera antes o que el pretendía como propio.

A pesares da súa xuventude, Da Silva (1979) é un debuxante de longa traxectoria, que traballou en moitas facetas da profesión, dende o cómic, as revistas de humor e a ilustración á viñeta política en prensa.