«O premio recoñece unha maneira de facer literatura»

j. l. vigo / la voz< / span>

CULTURA

08 jun 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

A escritora e tradutora luguesa María Reimóndez (1975) resultou gañadora da 31.ª edición do Premio Xerais de Novela, coa súa obra Dende o conflito.

-No 2005 xa foi finalista deste premio. ¿Como o recibe?

-É moi emocionante para min porque Xerais é a miña casa literaria e porque ven dado por un xurado de lectores e lectoras.

-¿Cambiará algo a concesión deste premio?

-Nesta altura da miña carreira literaria ten especial importancia porque é un recoñecemento non só a unha novela senón a unha maneira de facer literatura, unha maneira de entender os libros como ferramentas de intervención na sociedade. É moi gratificante, non é un feito calquera por todo o traballo que hai detrás, e que esta novela continúa.

-¿Como presentaría a súa novela?

-Está encadrada nun proxecto literario bastante complexo de varias novelas que teñen relación entre si, aínda que todas elas pódense ler dunha forma individualizada. É unha xornalista de guerra e o relato do seu conflito, non só os evidentes senón os do persoal, de como nos enfrontamos as persoas ás situacións de inhumanidade, ás veces moi estremas; de que maneira somos capaces de procesar o que vai vivindo a protagonista e como ela vai transformando a súa posición para atopar a súa propia maneira de facer as cousas.