Ramón Villares: «A cultura serviu de argamasa na construción da autonomía»
CULTURA
A institución que preside Villares celebra o seu trinta aniversario
25 sep 2013 . Actualizado a las 07:00 h.O Consello da Cultura Galega conmemora o venres os seus primeiros trinta anos. Un período no que, segundo o seu actual presidente, o historiador Ramón Villares (Cazás, Xermade, 1951), a cultura desenvolveu un camiño parello ao da autonomía, a cuxa consolidación contribuíu. O Consello naceu en 1983 «coa vontade de facer institucións que acompañasen o proceso da autonomía», lembra.
-¿Como era o contexto no que naceu o Consello? Recuperárase a democracia, a autonomía botaba a andar... ¿Era un momento esperanzador?
- En Galicia aqueles momentos vivíronse dunha forma un pouco contraditoria, porque por unha parte houbo unha gran mobilización a favor da autonomía, do estatuto, e incluso un rechazo explícito do que se consideraba o estatuto da aldraxe, pero por outra parte tamén os primeiros pasos foron dados nun ambiente de orfandade afectiva do pobo. A participación no referendo foi baixa, os resultados das eleccións foron sorprendentes... O máis importante foi que saíu adiante e houbo unha restauración do réxime autonómico. Nos casos vasco e catalán había gobernos no exilio e institucións, pero en Galicia non había nada diso. Había que crear todo ex novo. E nese proceso histórico houbo bastante pluralidade de respostas, pero bastantes delas moi pouco realistas. Creo que o Consello, felizmente, tivo unha boa lexitimación de orixe, no sentido de que foi aprobado maioritariamente polo Parlamento. Pódese discutir se as institucións son perfectas ou imperfectas, pero o que si é necesario nunha sociedade moderna é que haxa algunhas balizas que organicen a súa propia vida. Sen institucións as sociedades non poden funcionar. E o Consello é unha de moitas institucións.
-Dende 1983 Galicia mudou moito. ¿Cales serían os logros principais no eido da cultura?
-Como éxito global, creo que o de facer normal na vida institucional, algo menos na cotiá, a cultura galega. A lingua, o gusto polo patrimonio, a literatura, a arte, por todo aquilo que ten que ver con Galicia. Non é que antes non existise, pero creo que a autonomía favoreceu moito esa tendencia. Galeguizáronse moitas institucións, as propias universidades, ou os concellos. Nese sentido, a cultura foi un elemento substancial na construción da autonomía, porque a política, dende o punto de vista de partidos de maior ou menor orientación galeguista, foi, en certo modo, ausente nesa construción. A cultura serviu de argamasa da propia autonomía. Non foi todo feliz nin hoxe podemos dicir que estea todo correcto. Segue habendo moitos problemas e limitacións, pero iso é a vida mesma.
«É tan importante para o galego unha serie como Padre Casares como unha novela»
-¿Cales son os esas materias pendentes que cómpre afrontar?
-A fundamental é a percepción que a propia sociedade galega ten de si mesma e como quere facer o seu futuro. Creo que aquí hai unha disonancia entre os desexos da sociedade galega e a interpretación que dela fan as elites políticas, empresariais e sociais. O máis sorprendente da situación que vivimos agora é unha certa desafección da sociedade galega polos seus propios valores. Isto a min preocúpame un pouco, aínda que tamén hai que entender que vox populi, vox Dei. Aínda que ás veces se equivoque o pobo, pero se a sociedade vai nunha dirección, non se pode atallar. Podemos facernos algunhas autocríticas, que non sempre son fáciles, pero aínda así creo que o que hai que facer é que algunhas propostas de futuro que sexan atractivas sendo asumidas pola sociedade e que poidan modificar a situación. Pero é algo que está fóra do meu alcance e de institucións como o Consello da Cultura. Creo que en trinta e tantos anos que levamos de autonomía avanzamos moito no ámbito do consumo cultural, da democratización da cultura, pero non todo é perfecto e hai que ter en conta que hoxe a cultura atópase con problemas aquí e fóra, aínda existe unha visión elitista da cultura.
-Pero unha visita ao portal www.culturagalega.org permite comprobar que poden convivir perfectamente a literatura coa banda deseñada, por exemplo.
-Foi unha das grandes apostas que fixo con éxito o Consello, de incorporarse ás novas tecnoloxías e á Rede e crear ese portal, que nese sentido ten milleiros de visitantes. A cultura é moito máis plural e diversa, e isto é un triunfo. É unha conquista, como tamén que moita dela se faga en galego. Ás veces temos unha situación algo errada da lingua só no ámbito educativo, pero a lingua tamén se emprega noutros contextos, da creación audiovisual, a banda deseñada, documentais, as series televisivas, que son moi importantes. Por crear un relato de como somos e isto é o que fan as novas xeracións con novas técnicas e soportes e tamén novas mensaxes. Nese contexto é tan importante Padre Casares ou Mareas vivas como unha novela, por exemplo.
«A sociedade galega vive unha certa desafección polos seus propios valores»