«É unha novela que vai encadeando historias, pode ser entendida como moitas novelas»

La Voz

CULTURA

09 jun 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Unha novela cun formato que o seu autor e o xurado consideran non convencional. Cadeas devolve á actualidade literaria a Xabier López, que gañou en 2003 o premio García Barros.

-¿Como é esa novela que se sae do habitual?

-Creo que o xurado foi valente nese sentido, porque escolleu unha novela pouco convencional. É unha novela fragmentaria pero non minimalista. Creo que diría o contrario: que é maximalista. É unha novela que vai encadeando historias, pode ser entendida como un libro de pequenas novelas, pero tamén ten unha continuidade.

-¿Cal é o fío argumental de todas as pequenas novelas?

-Son cen anos da historia de Galicia, desde finais do XIX ata finais do XX. Pero o que a novela conta en conxunto, o que teñen en común as novelas é a narración de dominacións e sometementos de tipos diferentes, desde o autor sometido aos lectores, pasando pola a guerra de Cuba ou Sidi Ifni, chega ata os anos oitenta.

-Unha historia de Galicia e de dominación. ¿Cre que Galicia é un país sometido?

-Non é nese sentido. O sometemento ou a dominación son historias universais, pero estas son historias universais contadas desde o punto de vista galego, contadas desde aquí.

-¿Como cre que resultará a proposta para os lectores?

-A estas alturas está todo inventado e creo que a proposta é máis que asumible para os lectores e que mesmo permite que cada lector escolla como quere participar na novela.