Non é a primeira vez

Xurxo Constenla ARQUEÓLOGO

CULTURA

03 may 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Quedo abraiado coa nova da detención do Presidente da Comunidade de Montes de Cabeiro en relación cunha tala de piñeiros e a afección sobre unhas mámoas en Monte Penide? Non é agradable, nin bo, escoitar isto dun veciño, nin ter que chegar a estes extremos. É unha mala nova, sobre todo porque neste intre as Comunidades de Montes propietarias de Penide amosaron a súa mellor cara asinando un convenio de colaboración co Concello de Redondela para unha posta en valor dos xacementos; incluída neste convenio a Comunidade de Montes de Cabeiro, e espero, sinceramente, que esta proba de boa vontade lles sirva como atenuante. Non é a primeira vez que os xacementos sofren alteracións en Penide, recordemos a destrución dunha mámoa por completo hai un ano na parroquia de Cedeira. Temos que pensar que as talas e rozas que facían os nosos avós e avoas eran inocuas comparadas cos desterres e rodadas que deixan os tractores e camións da madeira. Mentres, só nos queda continuar coa labor da concienciación, porque os xacementos de Penide (mámoas, petróglifos e Castro de Negros), cos seus máis de 6.000 anos de antigüidade, representan, en conxunto, un dos exemplos máis representativos e importantes da prehistoria de Galicia.