Manuel Rivas: «Hoxe é un día grande para a Academia, vai entrar un afiador»

La Voz

CULTURA

10 mar 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Manuel Rivas foi o encargado de dar a benvida na Real Academia Galega a Fernández Ferreiro, cun fermoso discurso de resposta que baseou na imaxe do afiador, a partir da que teceu as singulares relacións entre literatura, xornalismo e realidade.

«Hoxe é un día grande para a Academia, para as letras galegas, para a literatura e para o xornalismo. Vai entrar un afiador», saudou Manuel Rivas a Ferreiro, autor de Memorias dun afiador rebelde e desa visión do escritor como un afiador que Rivas quixo facer súa. «Son célebres as anécdotas dos afiadores que aparecen en Manhattan ou Nova Zelanda e a quen cando lle preguntan como chegaron alí eles responden cun lacónico: ?¡Detrás da roda!?», evocou o escritor e xornalista coruñés.

E o nome dun afiador, Brais Pinto, é o símbolo do colectivo de vangarda no que Fernández Ferreiro compartiu batallas políticas e literarias con Méndez Ferrín, como recordou Manuel Rivas.

Nas páxinas de La Voz

Lembrou tamén Rivas con emoción o momento no que, de cativo, descubriu as crónicas de Ferreiro: «Eu souben del cando era un rapaz lector de xornais. Meus pais non tiñan daquela libros, mais tiveron a lucidez de subscribirse a un xornal, La Voz de Galicia, seguindo a máxima brechtiana de que o xornal era o libro do obreiro. Alí lin, lemos, porque eran lecturas moitas veces colectivas, as reportaxes de Fernández Ferreiro».

Rematou a súa intervención Rivas cun sentido «¡Saúde e terra, irmáns!» despois de acoller na casa ao novo académico: «Benquerido Ferreiro. Hoxe é un día bo para ti. Mais coido que aínda o é máis para nós, para o país que ás veces semella espectral, pero que sabe estourar en sorprendentes rexurdimentos. ¡Chegou o afiador!».