Méndez Ferrín: «Fixéronme sentir que eu non teño sitio na Academia»

Camilo Franco / Luís Pousa REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

O escritor abandona a presidencia da Academia cando lle restaba un ano de mandato.
O escritor abandona a presidencia da Academia cando lle restaba un ano de mandato. vítor mejuto< / span>

O escritor dimite como presidente e deixará a súa cadeira, nunha decisión sen precedentes

26 feb 2013 . Actualizado a las 17:44 h.

Xosé Luís Méndez Ferrín abandonará a Real Academia Galega poñendo fin a unha etapa que o escritor considera de «acoso e derribo» contra el. O escritor tomou a decisión de abandonar a presidencia da RAG, na que lle quedaba un ano de mandato, pero tamén de abandonar a súa condición de membro numerario da institución, un abandono que non ten precedente na centenaria historia da Academia.

O escritor sinalou onte que a súa estratexia a partir de agora sería «a do silencio», pero considera que nas últimas semanas a súa figura viuse sometida a unha «campaña de acoso e derribo» que fixo medrar a tensión no interior da institución e que, por extensión, estaba afectando de xeito particular á executiva. Como resultado desa campaña, toma a decisión decide trasladarlle aos académicos a súa renuncia.

Carta aos académicos

Os membros da RAG recibiron onte unha carta pola que o aínda presidente comunicaba a súa decisión de deixar o seu cargo e tamén a cadeira académica que ocupa. Nesa carta dirixida á comisión executiva, aos membros numerarios e correspondentes, Ferrín sinala que a súa decisión está motivada porque «outros académicos e académicas, unidos a persoas externas, fixéronme sentir que eu non teño sitio na Academia». Advirte o escritor que eses académicos que se mostraron contrarios á súa xestión tamén merecen «beizón porque os seus esforzos, finalmente coroados por un éxito completo, tiveron a virtude de me facer ver a tempo onde debo estar e onde non debo estar nos poucos días que me resten de vida».

Na carta, o aínda presidente da RAG fai distinción entre dous sectores dentro da institución e así como a uns lles recoñece éxito conseguindo a súa dimisión a outros dálle ás grazas: «Un abrazo a todos os membros da executiva porque á súa intelixencia, superior cultura e desinteresada entrega son debidas as obras, éxitos e conquistas que acadou e coñeceu a Academia no período inconcluso que termina coa redacción da presente carta».

A presión dos últimos meses sobre Méndez Ferrín, e por extensión sobre a executiva, garda relación con dous asuntos fundamentais que foron abordados no último plenario da institución. Por unha parte, o feito de que a filla do presidente, e máis a súa parella, tivesen unha beca de traballo na RAG. A filla de Ferrín abandonou o seu cometido na Academia na primeira semana de xaneiro. A situación económica da Academia tamén pesou na crecente tensión do plenario posto que, segundo algúns académicos, non se coñecían as contas da institución polo miúdo, o que era especialmente grave cando se rexistran problemas económicos.