Lembran o baleiro deixado por Díaz Pardo un ano despois da súa morte

Camilo Franco SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

Álvaro Ballesteros

Non hai palabras suficientes para encher o baleiro de Isaac Díaz Pardo na sociedade galega que conmemorou no cemiterio de Boisaca un acto cívico lembrando o primeiro cabodano do pasamento do galeguista.

06 ene 2013 . Actualizado a las 02:29 h.

Dous aniversarios cruzaron onte sobre as lápidas de Boisaca. O 75 aniversario da morte de Valle-Inclán e o primeiro cabodano da morte de Isaac Díaz Pardo. As tumbas dos dous persoeiros están a escasos metros unha doutra e moi cerca da entrada do camposanto santiagués. As conmemoracións quedaron contiguas unha con outra, pero as palabras e os cantos tocaron, desta vez, para testemuñar o baleiro que Díaz Pardo deixou na sociedade galega.

Neste primeiro cabodano da desaparición de quen impulsará as Cerámicas do Castro e mais Sargadelos tamén se cruzaron himnos, palabras, pombas e mazás, para tentar encher un baleiro que os participantes recoñeceron como imposible.

O acto cívico serviu para dar a coñecer os primeiros pasos dunha Academia Real Isaac Díaz Pardo que ten como obxectivo dar a coñecer a figura, a obra, a actitude e todas aquelas cousas que fixeron do desaparecido galeguista un home singular.

Unha vintena de intervintes foron os encargados de lembrar a figura de Díaz Pardo e de lembrar, ao tempo, aos seus compañeiros de xeración e de exilio, como Lorenzo Varela. Nas intervencións poéticas ou nas alocucións unha mesma idea de sobre a ausencia grande. Carmen Blanco recitaba, referíndose a Díaz Pardo, que «non esqueceu nada»; o escritor David Otero pedía, seguindo o exemplo do intelectual, que «se pechen as feridas e se abran os arquivos». Inma López Silva lembrou que se segue «necesitando a Díaz Pardo». Martiño Noriega, alcalde de Teo explicou como para a situación actual da sociedade «xa tiña respostas Isaac porque se hai un déficit é un déficit do público». O académico Xosé Luís Axeitos asegurou na súa breve intervención que foi «o motor de grandes causas» e que foi quen no exilio de «configurar ideas», mentres que Fernando Salgado lembrou o seu traballo no exilio.