Francisco X. Fernández Naval: «Non hai que perseguir historias, están á nosa beira»
CULTURA
O narrador reconstrúe unha historia familiar que atravesa o século XX
14 dic 2012 . Actualizado a las 12:17 h.Fernández Naval volve en A noite branca sobre a memoria e sobre aqueles territorios abeirados ao Miño que xa foron protagonistas en O bosque das antas. Pero hai máis na novela que presenta hoxe (Liceo de Ourense, 20 horas), está a Cuba da emigración e a fronte soviética da Segunda Guerra Mundial que visitou a pasada primavera e que foi argumento dunha serie de textos publicados nas páxinas de La Voz.
-A memoria volve ser protagonista dunha novela súa. ¿Cal é a súa importancia en «A noite branca»?
-Somos memoria e esquecemento. Somos quen somos polo que lembramos, pero tamén por todo canto esquecemos. E digo isto referíndome a cada un de nós, ao entorno familiar, á colectividade. A noite branca reconstrúe a historia dunha muller, María Luísa e do seu fillo Alfredo, voluntario na División Azul, a partir dunhas cartas que aparecen nunha caixa de marmelo. Pero a novela proxéctase ata o ano 2007, momento no que un escritor investiga ese pasado familiar. Memorias complementarias van reconstruíndo o ser dos personaxes, por veces manexando información contraditoria, porque en cada unha das persoas que lembran tamén actuou o esquecemento.
-A historia combina os episodios particulares dunha familia con feitos históricos como a emigración cubana ou a Segunda Guerra Mundial. ¿Por que ese itinerario histórico?
-Os episodios particulares desa familia están vinculados coa emigración cubana e coa Segunda Guerra Mundial. En Cuba nace Alfredo, o divisionario das cartas, alí están seus pais, seu irmán e seu padriño. A novela oscila, continuamente, entre os pequenos lugares da ribeira do Miño ao seu paso por Ourense, o barrio da Ponte e a xeografía dunha Europa convulsionada pola guerra. Será a idade, pero decateime de que non hai que andar perseguindo historias, están á nosa beira, só é preciso estar atentos. Calquera vida é susceptible de ser contada, e máis cando os personaxes viven momentos cruciais na historia da humanidade, como a batalla de Leningrado.
-Un dos episodios chave na historia son as cartas escritas desde a fronte rusa. ¿Cal foi a participación galega nesa fronte?
-Galicia achegou arredor de 3.000 voluntarios, dun total de 45.000. Na primeira quenda de xullo de 1941, á que pertence Alfredo, o número de galegos foi de 1.200 dun total de 18.000.
-¿Cal é a visión que hai hoxe sobre a División Azul?
-O ano pasado cumpriuse o 70.º aniversario desta aventura moi cargada de ideoloxía e, se cadra, tamén idealista. Penso que moita xente soubo entón que soldados españois e galegos participaron na II Guerra Mundial loitando cos exércitos de Hitler. Eu medrei coa memoria da División coma un eco xordo e difuso que me chegaba ás veces, incluso coma algo vergonzoso.
-Para a escrita da novela visitou vostede moitos lugares da fronte. ¿Como foi esa investigación e como se recorda alí a guerra?
-Este foi o proxecto máis importante no que me mergullei e non falo só dende o punto de vista literario, senón tamén vital. Entre os meses de marzo e abril do 2011, a fotógrafa Maribel Longueira e eu seguimos exactamente o itinerario que levou aos divisionarios galegos ata Novogorod, na ribeira do río Volchov.
-Esa viaxe ¿como afectou á novela?
-Achegou o aire que respira o texto. Non só foi visitar os campos de batalla, senón coñecer a xeografía europea que cruzaron. Lugares como Karlsruhe, Grafenwöhr ou Hof, en Alemaña; Pila, Suwalki ou Augustow en Polonia; visitar o que foi hospital español en Riga... Todo iso axudou a darlle naturalidade á escrita e que todo resulte máis real e familiar.
-¿Como está reconstruída a memoria familiar?
-A historia constrúese a través de catro voces. Unha son as cartas recuperadas. Outra é a historia do pelotón ourensán do que forma parte Alfredo, dende que se inscriben na División ata os combates. A terceira é o monólogo de María Luísa, cun diálogo implícito no que sabemos o que di a outra parte polas respostas dela e no que repasa a vida en compañía de dúas amigas. A cuarta é a do escritor que investiga e que persegue as lembranzas da súa familia en complicidade coa súa nai, que fora afillada de María Luísa e curmá de Alfredo.