«Na obra de Vidal Bolaño hai un retrato do país»

maría conde PONTEVEDRA / LA VOZ

CULTURA

Camilo Franco presentou un libro sobre o autor no peche de Culturgal

03 dic 2012 . Actualizado a las 14:56 h.

Culturgal marcou o inicio por adiantado das actividades en homenaxe a Roberto Vidal Bolaño con motivo da dedicatoria do Día das Letras Galegas no 2013. Ademais da súa Obra completa en seis volumes, o autor e periodista de La Voz Camilo Franco deu a coñecer Dez obras na vida de Vidal Bolaño. Un traballo no que tratou «de contar a vida e obra, pero máis a obra que a vida» do director, dramaturgo e actor pioneiro da escena profesional en Galicia.

«Escollín entre as dez obras que me parecían máis importantes na súa traxectoria -sinalou- para colocalas cronoloxicamente e ao mesmo tempo que conto os pormenores, a repercusión, vou dando pequenos apuntes sobre a súa vida».

Franco subliñou que se trata dun libro divulgativo, destinado a estudantes de bacharelato ou primeiros cursos de universidade, ademais do público que queira achegarse á figura de Bolaño. Segundo dixo, «se hai alguén que asumiu que había que producirse con criterios profesionais desde o punto de vista do traballo, e buscando un público desde un punto da repercusión, foi Vidal Bolaño».

A primeira das obras retratadas é Bailadela e a última Animaliños. «E desde un punto de vista literario ou artístico -engadiu- creo que hai unha importancia no que Vidal Bolaño escribiu, porque se repasas a obra en conxunto, hai un retrato do país. Se dis qué lle pasou a Vidal Bolaño, o que lle pasou a Vidal Bolaño foi o que lle pasou ao país. Hai unha liña que estableceu do país simbólico que eramos nos 70 en que todo o mundo cría que podía ser, e a cuestión de ir rescatar á cultura popular, ao contraste da realidade de hoxe, un país desesperanzado».

O periodista e escritor explicou que a obra de Bolaño estaba moi dispersa e agora «vai estar todo xunto».

Culturgal pechou onte as súas portas despois de tres días de actividade «co refrendo do público», segundo a organización, e a vontade «de seguir medrando e sorprendendo á xente coa calidade e a biodiversidade cultural galega». Xulio Amigo, presidente da Asociación Culturgal, salientou que, ademais de asistir, o público «implicouse economicamente nun tempo tan complicado».