Gustavo Pernas: «Os meus personaxes están sometidos á presión atmosférica da sociedade»

La Voz

CULTURA

27 nov 2012 . Actualizado a las 14:22 h.

Para Gustavo Pernas, o teatro é «algo para o que vivir» e do que intenta vivir. Desde onte forma parte do club de autores galegos premiados co Rafael Dieste e co Álvaro Cunqueiro.

-¿Cal é a relación de «Isobaras» coa obra que está representando agora, «Snakizados»?

-Escribo sempre para representar, aínda que Isobaras quizais sexa moi grande para unha compañía. Creo que entre as dúas hai certas cousas en común, coincide unha linguaxe máis poética e un nivel metafórico que ten relación con outras obras como Footing ou Paso de cebra.

-Falou de superprodución.

-Porque oito personaxes son moitos para o que se monta agora en teatro. Son personaxes que cruzan monólogos, parece que están dialogando, pero non. Son xente que vive baixo cero e acóllese a unha raiola de sol. O que non se pode dicir agora é se deciden facer algo para cambiar a súa situación ou, polo contrario, deixan pasar resistindo sen facer máis.

-Acostuma a agrupar obras por triloxías. ¿Esta é o comezo doutra?

-Non sei aínda. Esta obra está influída por esta crise brutal e os seus personaxes están sometidos todos á mesma presión atmosférica que exerce a sociedade.

-¿Hai posibilidades de representación?

-É unha obra moi minimalista en escena. Con poucos elementos, pero fai falta respaldo económico para tantos actores.

-¿Cal é o papel dos dramaturgos?

-Temos visibilidade a refoladas. Pero temos esa posibilidade única da representación.