Alberto Ramos gaña o Premio Risco de Literatura con «Todos os días»

x. m. r.Ourense / La Voz< / span>

CULTURA

O xurado valorou o reflexo da «crise económica e social e os seus efectos sobre a mocidade universitaria dos nosos días»

22 nov 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

O escritor Alberto Ramos foi elixido onte polo xurado do Premio Risco de Literatura como o gañador da nova edición deste tradicional galardón que promoven o Concello de Ourense e a Fundación Vicente Risco. A obra Todos os días foi escollida entre os orixinais presentados a concurso por reflectir a novela «a crise económica e social e os seus efectos sobre a mocidade universitaria dos nosos días e en como esta falta de horizontes inflúe na autoestima das personaxes e condúceos á destrución persoal». O xurado tamén salientou da novela que na mesma «van aparecendo como elementos secundarios os ERE, o peche de medios de comunicación escritos, a rivalidade profesional, a falta de expectativas vitais e a contraposición entre a realidade laboral doutros países emerxentes economicamente e a nosa propia».

O xurado do premio, que está dotado con 6.000 euros e a publicación da obra, estivo composto por Adelaida Vidal, Ánxela Gracián, Serafín Alonso e Soedade do Muíño.

Alberto Ramos encetou a súa carreira literaria conseguindo o Premio Biblos-Pazos de Galicia na súa segunda edición, coa súa ópera prima. O galardón para autores menores de 25 anos foille concedido pola obra Dor pantasma, un traballo no que abordaba «toda a tráxica actualidade da desaparición da xente moza». O creador compostelán sumaba outro recoñecemento ao seu traballo literario gañando a novena edición do Premio de Novela por Entregas de La Voz de Galicia. Con acuse de recibo, o proxecto galardoado, foi editado no ano 2010 por Biblos, na súa colección Mandaio.