Desde moi nova soubo que a literatura sería a súa fonte de expresión e a vida a súa inspiración. Con só 18 anos publicou a súa primeira novela, Neve en abril. Logo viñeron Rosas, corvos e cancións, Non quero ser como Doris Day, Memoria de cidades sen luz ou New York, New York. Onte presentou en Vigo o seu novo libro, Tinta (Galaxia), un monllo de relatos publicados entre o 2000 e o 2010.
-¿Por que decidiu reunir estes relatos nun só volume?
-O motivo inicial foi que as historias estaban moi dispersas, quería xuntalas e salvalas desa especie de dispersión. Pero unha vez que fun traballando nelas, dinme conta que tamén había certo motivo de evolución.
-¿No existe ningunha relación que vincule as historias?
-A priori son historias non relacionadas entre si, pero que teñen algúns puntos de concomitancia. Por exemplo, os temas que reaparecen constantemente. A comedia delirante, os relatos de amor, a memoria dende a distancia, a memoria histórica... sempre mesturada coa idea do amor e coa idea de morte que tanto nos gusta aos escritores.
-¿Cal é o seu favorito?
-Quizás o último, Caso Torneiro, porque o escribín cando estaba xa un pouco farta do académico. Foi un relato a modo de informe académico con notas a pé de páxina. Rinme moito con ese relato a primeira vez que lin o libro.
-¿Algunha sorpresa?
-Si. Hai moito protagonismo feminino, e tamén sobre a memoria. Ademais, moitos son raíz dalgunhas novelas miñas, como un relato referente a María Casares que me inspiraría en Memoria de cidades sen luz.