Gelria estréase cun libro-disco que escolma a lírica galega dende o XIX

Xesús Fraga
Xesús Fraga REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

juan luis rua

O grupo pon música a versos de catorce poetas, de Rosalía de Castro a Chus Pato

19 abr 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

A poesía galega é un manancial inesgotable para varias xeracións de diversas épocas e estilos, dende o folk ao pop, pasando pola canción protesta. Gelria tamén beben nestas fontes para a súa estrea discográfica, Cantos de poeta, un libro-disco que escolma a lírica galega dende o Rexurdimento ata hoxe a través das voces de catorce autores: Rosalía de Castro, Curros, Cabanillas, Manuel Antonio, Cunqueiro, Iglesia Alvariño, Pimentel, Novoneyra, Celso Emilio, Manuel María, Ferrín, Bernardino Graña, Luz Pozo Garza e Chus Pato. Canda eles, outro poeta, Manuel Rivas, quen escribiu outros tantos poemas para intercalalos entre os versos dos escritores escolmados, e que se inician cos de Naceu auga: «Todo naceu na fontenla. Tamén ti, país».

A escolla de Gelria dos poetas para estrearse en disco ten unha dobre explicación. Dunha banda, fornecerse dos mellores textos. «Nós somos músicos, non letristas, e nunca poderíamos escribir así. Pero na música clásica, que é de onde vimos, o habitual é que haxa un libretista e un compositor», explica Mario G. Cortizo. Doutra banda, hai un espírito reivindicativo, de orgullo da calidade e da historia da poesía galega, co desexo de «aínda poda chegar a máis xente», engade Cortizo, percusionista nun trío que completan a voz de Elena Tarrats e o piano de Federico Mosquera.

De feito, os sons de Cantos de poeta nacen directamente dos versos. «Cada poema ten a súa propia música, a que lle pide o seu estilo. Non é o mesmo Rosalía que Chus Pato, e dedicamos moito tempo a analizar os textos para darlles un enfoque único», describe Cortizo. Deste xeito, Gelria respectou escrupulosamente a métrica das poesías -«nada de acentos cruzados»- e aparellou a cada estrutura a música que mellor lle acaía, dende os octosílabos de Curros ao verso libre de Chus Pato. O resultado significa que no disco hai música de tradición popular, pero tamén clásica, jazz ou pop, para o que o trío se rodeou de colaboradores que ampliaron a súa paleta de sons, entre os que se conta o intérprete e escritor Xosé Lois Romero, autor da introdución dun libro-disco que tamén coidou o seu aspecto físico, con fotografías de Juan Luis Rúa e ilustracións de Sonia García Vidal, ademais do uso de distintos papeis, como o vexetal no que se imprimiron as palabras de Rivas. A produción correu a cargo de Noa López e a gravación, en directo, de Pablo Barreiro con equipo da Radio Galega. Fíxose durante as vacacións do trío, xa que Mosquera vive en Róterdam e Cortizo e Tarrats en Barcelona, onde se presentará Cantos de poeta este sábado como parte do Día do Libro.

A distancia física obriga a Gelria -nome tomado dun buque holandés no que navegou Manuel Antonio- a «ensaiar» por Internet. Cantos de poeta tamén estará á venda na súa web, gelriamusica.com, ademais de en librarías especializadas.