firma invitada

¿Que facer coa torre de Taboi?


Odía 7 de maio de 2016 entereime que na Comisión de Educación e Cultura do Parlamento de Galicia, Alternativa Galega de Esquerdas (AGE) requiriu que a Xunta de Galicia intervira para garantir a conservación da Torre de Taboi, situada no concello de Outeiro de Rei, en grave risco de derrube. O Partido Popular (PP) opúxose porque, de facelo, saltaríanse «os mínimos principios de legalidade xurídica» xa que a protección do monumento, en mans privadas, é cousa dos seus propietarios.

Á vista da resposta, dedúcese que a Xunta de Galicia o único que pode facer ao respecto é mirar como a torre, do século XVI, se cae a cachos. Pero é así realmente? Coido que non, ao menos se queremos crer que as leis sobre o patrimonio valen para algo. Vexamos.

Por decreto de 22 de abril de 1949 do Ministerio de Educación Nacional, garantíase a protección dos castelos españois, calquera que sexa o seu estado de ruína, quedando estes baixo a protección do Estado. Noutro decreto do ano 1963, protéxense tamén os escudos, pedras heráldicas, etcétera, cunha antigüidade de máis de cen anos. Alancando no tempo, a Lei do Patrimonio Histórico Español do ano 1985 mantén para as torres e castelos a máxima protección legal, é dicir, Ben de Interese Cultural.

Co traspaso de competencias á Comunidade Autónoma, no ano 1995 ve a luz a Lei do Patrimonio Cultural de Galicia (aínda en vigor ata que se publique a nova lei aprobada recentemente), correspondéndolle a esta todo o relacionado co patrimonio cultural. No artigo 4 ordena que os concellos teñen a obriga de protexer, defender, realzar e dar a coñecer o valor cultural dos bens que radiquen no seu termo municipal, e que en caso de urxencia lle corresponde adoptar as medidas cautelares, cando visen o seu interese ameazado, para salvagardalos.

O artigo 25 di que os seus propietarios ou posuidores están obrigados a conservalos, coidalos e protexelos para asegurar a súa integridade e evitar a súa perda, destrución ou deterioración. Os poderes públicos garantirán a súa protección e conservación. Dito incumprimento, segundo reflicte o artigo 31, será causa de interese social para a expropiación forzosa dos bens declarados e catalogados. O artigo 33 abonda na súa protección para non poñer en perigo os valores que aconsellan a súa conservación. E por último, o artigo 89 fala do réxime sancionador, considerándose como falta grave o incumprimento do deber de conservación dos propietarios ou posuidores dos bens declarados de interese cultural.

Imos ver. Está claro que a Xunta de Galicia non pode entrar a saco nunha propiedade privada, pero tamén o está que a administración ten unhas obrigas, entre outras as de garantir a conservación da torre de Taboi, primeiro requiríndollo aos propietarios e, se estes se negan, aplicar, simplemente, a lei. Malia o anterior, cómpre ter en conta que os propietarios non sempre poden facer fronte aos elevados custos que supón unhas obras de consolidación e/ou rehabilitación, polo que as administracións públicas deberían abrir unha negociación con aqueles para facerse cargo das mesmas a cambio dunha contrapartida como podería ser a cesión ao Concello de Outeiro de Rei.

A menos que só se trate de publicidade, como aconteceu con aquel «Facenda somos todos», que, durante a celebración dun mediático xuízo, aclarou unha avogada do Estado.

http://onosopatrimonio.blogspot.com.es/

Votación
15 votos
Etiquetas
Outeiro de Rei Parlamento de Galicia Xunta de Galicia Ministerio de Educación Alternativa Galega de Esquerda PP Patrimonio histórico Consellería de Facenda
Comentarios