Ángel Carreira

Xulio Xiz

LUGO CIUDAD

09 ago 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Estes días estiven enganchado aos informativos de Antena 3, que se xa volven a estar presentados por Matías Prats, durante un tempo a co-presentación estivo a cargo dun lucense.

Para a maioría dos telespectadores ver a Ángel Carreira presentando o telediario non será máis ca unha novidade: un rostro mozo, ben parecido e que fala ben, cumprindo co seu traballo á perfección. Pero para os lucenses é diferente.

Antes de presentar o telediario, foi posible velo como enviado especial nos máis diversos conflitos dos últimos anos, de Exipto a Túnez, de Libia a Inglaterra ou París e no recebemento a Obama, sempre dando exemplo de madurez e profesionalidade.

Ángel foi un vocacional da información desde moi novo, espertando á profesión na Televisión Lugo que nos anos noventa fixemos desde O Ceao, axudados por medio cento de entusiastas voluntarios entre os que estaba Ángel Carreira. Chegou da man de Isidoro Rodríguez, que das filas da Asociación María Castaña levou un grupo de rapaces que viñeron xogar a facer televisión e algún acabou sendo profesional dun medio moi difícil, que engancha, que conquista, e que a Ángel gañouno para sempre.

Para os que tivemos parte naquela excepcional aventura, cáenos a baba cando vemos a Ángel Carreira na pantalla de Antena 3, coidando -supoño que de xeito infundado- que algo tivemos que ver con esa serenidade, esa profesionalidade, e ese goce, que só está ao alcance duns cantos, e que Angelito ten conseguido por dereito de conquista. Desa conquista que só se consegue con entusiasmo, con esforzo e con tesón.