«Xuro que o rapaz que me envenenou, no fondo, é bo»

Xosé María Palacios Muruais
xosé maría palacios VILALBA / LA VOZ

GUITIRIZ

Blanco, onte pola tarde, na Casa das Palabras de Guitiriz, onde traballa moitos días.
Blanco, onte pola tarde, na Casa das Palabras de Guitiriz, onde traballa moitos días. suso pena< / span>

«Recibín unha ampla explosión de solidariedade», recoñece agradecido

25 mar 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

DO HULA a Guitiriz, e en Guitiriz, á Casa das Palabras, onde ten boa parte do centro de operacións. Alfonso Blanco recibiu onte a alta no hospital, onde pasou nove días por un intento de envenenamento, e poucas horas despois xa estaba rodeado de libros e de papeis. «Xa tiña gañas de volver. A xente gaña saúde no seu ambiente e coa súa xente», dixo. «Vexo aquí o libro de Nimbos [coñecido poemario de Xosé María Díaz Castro, autor sobre o que ten escrito importantes traballos] e xa me sinto realizado.

-Nestes días que pasou no hospital, ¿pensou algo no futuro, deulle voltas ao que lle ocorreu?

-É un golpe que agora, en frío, che fai pensar. Hai que seguir adiante, na liña de previr estas situacións, que son froito de mil circunstancias. Recibín unha ampla explosión de solidariedade.

-Os rapaces do instituto amosaron estes días inquietude pola súa situación. ¿Emocionouno especialmente?

-Si. Prometerónme os rapaces [é titor dun grupo de ESO] que estudarían máis en homenaxe a min. Non sei se o conseguiron, pero no que queda de curso ímolo conseguir.

-¿Chegou a pensar en cambiar algo de vida, en asumir menos obrigas das que ten, que non son poucas?

-Dime o médico que cargo con cousas coas que non carga ninguén. Temos que facer un esforzo para darmos a man as institucións e os cidadáns e previrmos xuntos situacións deste tipo. Hai pais con fillos que teñen problemas de drogas e mándamos a min. Dinme que a ver se os cambio.

-Supoño que estes días, aínda que non é sorpresa nin novidade, notaría o agarimo da xente de Guitiriz, coa que convive dende hai case 40 anos.

-Si. Se queres á xente e a respectas, tamén te quere. A xente é mellor do que parece. Hai situacións desagradables, pero no fondo é boa. Xuro que ese rapaz [refírese ao que o convidou a comer e o envenenou], no fondo, é bo. Pero ás veces fas toleadas e non pensas nos demais.

-¿Que lle deu máis ánimo, pensar nos rapaces do instituto ou lembrar ao poeta Díaz Castro, que sen vostede non sería tan coñecido?

-Para min vai todo unido. A xente que le, que escoita músiaca, tende a ser máis tolerante. E no instituto vou seguir traballando: aínda que non dea clase, farei obradoiros por fóra.

-¿Non ten a sensación de que vostede é o punto de encontro de xente que dificilmente está de acordo en case nada?

-Falo con todo o mundo e sempre descubro na xente tesouros. Descubro que nas mulleres e nos homes hai marabillas, e por desgraza non as captamos.

-¿Volve con entusiasmo?

-Mais ca antes, porque vexo máis necesidade.