«A solución neste momento no interior da provincia é ou eucalipto, ou nada»

Dolores Cela Castro
dolores cela LUGO / LA VOZ

CASTROVERDE

OSCAR CELA

O profesor cre que os propietarios non poden perder a oportunidade económica que supón a súa venta

17 feb 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

En Manuel Francisco Marey conflúen a súa condición de enxeñeiro de montes, profesor da USC e de propietario forestal. É o secretario da asociación de Castroverde que decidiu plantarlle cara ao decreto que aínda non viu a luz, pero que pretende prohibir as plantacións de eucaliptos en 29 concellos da provincia de Lugo.

-¿Estase montando un movemento a favor do eucalipto?

- O eucalipto é un cultivo e hai que comparalo con outros cultivos, non cun bosque natural. É comparable a un cultivo gandeiro, como o millo, que se corta cada ano. O eucalipto cortase cada nove, cada once ou cada doce, pero ten a mesma lóxica: o aproveitamento dun terreo cun produto, que valoriza o mercado. Despois está o problema do monocultivo. Todos son malos. Cando se aposta por u só, estanse botando todos os ovos nunha cesta e é un problema. Hai experiencias moi famosas. Eu estou en contra dos monocultivos.

-¿Por qué apoian o eucalipto?

-O eucalipto é unha opción. O leva sendo nos últimos 40 anos porque hai una industria que o valorizou. As plantas de ENCE de Navia e de Pontevedra consumen unha cantidade inxente de madeira. Iso tira do mercado, como no seu día as centrais leiteiras que se crearon, que fixeron que a xente cambiase a vaca teixa pola vaca pinta porque producía máis leite. Cando o mercado tira o sector produtivo reacciona cara él e a xente pon en marcha o mecanismo que lle da una rendabilidade. Oxalá a madeira de pino volvese a tirar. A solución neste momento no interior é ou o eucalipto ou nada. Esa é a realidade que se move no interior. Na actualidade dúas hectáreas están xerando 40.000 euros, despois de nove anos.

-¿Cal é a súa opinión sobre o que se coñece do decreto?

- A min non me parece unha postura correcta de ordenar o territorio. Se temos un problema de intensificación de eucalipto, non se está producindo neste ámbeto. Na zona oriental apenas hai eucalipto. Son os nitens, que resisten a xeada. É así de claro. É unha especie capaz de adaptarse porque o globulus non o era por cuestións climáticas. A día de hoxe onde está o problema de concentración do eucalipto é na zona costeira. Se o problema é a eucaliptación, está concentrado noutras zonas. Se hai que poñer limitacións será nesas zonas. ¡Que as limiten! Non onde non hai ou hai pouca cantidade. Todo isto ten que estar regulado.

«Se o problema é a eucaliptación, está concentrado noutras zonas. ¡Que as limiten!»

É doctor enxeñeiro de Montes. Profesor de Enxeñería Agroforestal na USC e propietario de terras forestais en Castroverde.