O derradeiro número de «Artesonado»

Adolfo de Abel Vilela LUGO

LUGO

Portada, con porta pechada, e contraportada, con fiestra aberta, da revista que chega ao número 50
Portada, con porta pechada, e contraportada, con fiestra aberta, da revista que chega ao número 50 Óscar Cela

A revista da Asociación de Antigos Alumnos da Escola de Arte e Superior de Deseño Ramón Falcón chega ao seu fin co número 50

02 abr 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Todo ten un principio e un fin, representado nos primeiros séculos do cristianismo polas letras alfa e a omega do alfabeto grego. O comezo desta aventura, a nosa alfa, foi no mes de marzo de 1988 e o noso omega, en febreiro deste ano 2024. Son 35 anos nos que periódicamente, ata 1994 trimestralmente, a ata hoxe anualmente, se distribuíron 800 exemplares de Artesonado, revista da Asociación de Antigos Alumnos da Escola de Arte e Superior de Deseño Ramón Falcón.

Cando a revista cumpriu 25 anos, festexamos o acontecemento cunha exposición na sala da Deputación Provincial, onde se podía ver a súa evolución. Os cambios no derradeiro cuarto do século XX foron espectaculares en todos os campos, e tamén alcanzaron á nosa revista. Alí estaban todos os exemplares, onde se podía observar o avance das técnicas de disposición e deseño, desde a manual á dixital, e tamén de impresión, do branco e negro ao color por distintos procedementos de impresión. Tamén se presentaron todas as serigrafías que acompañaban a cada número, unha colección que foi posible facer grazas á desinteresada colaboración de deseñadores e artistas plásticos.

Conscientes de que nos tempos que corren xa non rexe a ortodoxia de clasificar a produción artística en artes maiores e menores, incorporáronse ás páxinas da revista temáticas ás que antes se lles daba menos importancia, como o comic, para dar a coñecer os traballos de moi bos autores locais, ou denigradas, como e o grafite civilizado, ambos os dous como manifestacións contemporáneas de comunicación e expresión a través da estética.

Pero co paso dos anos o entusiasmo decae e os equipos minguan por diversas razóns, unhas derivadas das ocupacións profesionais que nos procuran o sustento, outras de roces na convivencia dos grupos e, non menos importantes, son, máis que as forzas físicas que aínda se manteñen, que decae o entusiasmo. Así que chegado a este punto decidimos poñer o punto final e darlle respectuosa sepultura. Graficamente quixémolo representar na portada da revista cunha porta pechada, e na contraportada cunha fiestra aberta a unha noite de luar en cuarto minguante.

Desde agora Artesonado pasará a ser unha colección de cincuenta números depositados nas hemerotecas agardando a que nalgún momento a alguén lle poda interesar a súa revisión por curiosidade ou como un traballo de investigación. Neste caso esa acción servirá, non só para sacudirlle o po acumulado polo paso do tempo nas estanterías, senón tamén para revivir a memoria dos que nela deixaron os seus traballos, literarios, gráficos e fotográficos, e aos que, no momento presente, no nome da Asociación lles quedamos para sempre agradecidos.