En Paradela

Xulio Xiz TRIBUNA

LUGO

03 mar 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

En Paradela vimos de conmemorar cos nenos do colexio o 25º aniversario do pasamento do escritor Manuel Rodríguez López. Nisto, tamén Paradela é ?sitio distinto?. Ten por fillos predilectos, ademais de Manolo Rodríguez, a Xesús Mato (crego), Ángel Fernández (pedagogo) e Diego López (futbolista), nomeados polo concello que preside o veterano e sen embargo entregado entusiasta José Manuel Mato, que honran a esta terra que bebe augas da Ribeira Sacra, quedou mancada polo embalse de Belesar, agresión que aínda lembran doridos, e está cruzada polo Camiño que segue na terra o Regueiro de Estrelas que Carlomagno soñou en Aquisgram. O entrañable Valentín García, Secretario de Política Lingüística, asombrábase da existencia dun Panteón de Paradelenses Ilustres, no que repousa Manolo. E todos puidemos comprobar que aquelas anguías que, segundo o Licenciado Molina se salaban e mandaban a todo o Reino, aínda é posible degustalas, exquisitas, á beira do Loio, río que fala de mosteiros perdidos no tempo no que nacen as lendas. Nos pobos mariñeiros, o cemiterio adoita estar no máis alto, ollando o mar. Desde o panteón dos paradelenses ilustres, orientado ?como Manolo quería- mirando ao Páramo, a terra da súa dona Irene, domínase grande parte do val e do pobo para que desde o alén os que alí descansan poidan seguir a disfrutar da fermosura da súa terra. Paradela é un paraíso que permite abstraerse en San Facundo, sentir vértigo na Pena do Bico sobre o embalse, atopar cultura e amigos, vivir no rural con plena conexión co mundo, e ver pasar a cachón a vida que cada día discurre polo Camiño hacia Compostela.