Tres socias abren a primeira tenda ecolóxica a granel de Lugo

Lucía Rey
lucía rey LUGO / LA VOZ

LUGO CIUDAD

ALBERTO LÓPEZ

Bico de grao recupera prácticas como o uso de botellas e envases retornables

04 ene 2015 . Actualizado a las 05:07 h.

Un establecemento que vende alimentos ecolóxicos non perecedoiros e de comercio xusto ao peso, e que recupera prácticas sustentables que estaban en auxe hai décadas, como o uso de botellas e envases retornables. Niso consiste Bico de grao, a primeira tenda ecolóxica a granel de Lugo, que acaba de abrir as súas portas na Avenida das Fontiñas da man de tres socias: Marta Pérez, Amaia Santamarta e Vanesa Ríos. «Queriamos facer algo para levar os nosos valores á práctica, e tiñamos claro que queriamos montar unha cooperativa», confesa a primeira, lucense de 30 anos, que estudou Dereito e fixo un máster en Cooperación internacional. «As tres vimos de mundos diferentes e nunca pensáramos en que acabaríamos montando unha tenda así», comenta. Nela pódense atopar desde fariñas de centeo, arroz, millo, espelta, trigo ou garavanzo ecolóxico; a copos de millo, muesli e crunchy de chocolate para almorzar, pasando por todo tipo de pastas, arroces, especies, encurtidos, froitos secos, froitas deshidratadas, noces, castañas ou galletas. Os únicos alimentos frescos que ofrecen son pan, de Pan do Agro, e ovos de Mos, que se poden adquirir soltos. Pódese comprar un ovo só por trinta céntimos. A ducia custa 3,50 euros.

A tenda ten un recuncho con libros e xoguetes dos métodos educativos Montessori e Waldorf, ademais de bonecos da marca Fíxeno eu, que crea Vanesa. Un dos entretementos estrela é o «Conejinlla», un boneco metade coello metade ninja que causa sensación entre os máis novos.

Un dos produtos que está xerando máis expectación son os deterxentes, lavalouzas e limpa fogares ecolóxicos, que tamén se despachan a granel. «Cunden moito porque hai que diluílos. Necesitas un litro por cada cinco de auga», explica Pérez. Outra das novidades son as gominolas ecolóxicas, como regalices, sinais e nubes, e que ata agora eran difíciles de atopar en Lugo. «Estes días hai xente que vén e leva unha ou dúas para probar...», apunta.

Un grupo de consumo

Un dos obxectivos que ten Bico de grao a medio prazo é o de poñer en marcha un grupo de consumo de produtos frescos que sirva como punto de encontro entre produtores e consumidores. As socias da cooperativa indican que hai xente apuntada, e que a finalidade sería facilitar o encargo de cestas semanais, e organizar encontros para intercambiar opinións e experiencias.