«A Rubia Galega é a raza de carne máis rendible de todo o mundo»

Laura López LUGO / LA VOZ

LUGO

OSCAR CELA

Defende o traballo da asociación e anuncia que todos os socios terán voto

16 jul 2014 . Actualizado a las 16:06 h.

César Dorado, presidente en funcións de Acruga que opta á reelección nos comicios que do sábado, defende a xestión que se está a facer desde o colectivo e tamén o futuro dunha raza, a Rubia Galega, que, segundo os datos que manexa, cada vez está máis valorada, dentro e fóra de Galicia.

-¿Cae o censo de Rubia Galega?

-A Rubia Galega está mellorando, e a proba é que interesa tanto aos galegos como á xente de fóra. O censo non está baixando, agora a media de vacas por gandería é de 30 cabezas, mentres hai uns anos era de 16. A xente estase pasando á Rubia Galega.

-¿E como é a calidade xenética?

-Estamos sacando embrións para mellorar a raza e temos centros de recría, o que diga que se está perdendo calidade é porque non cre na raza, iso é desprestixiala e ir contra os gandeiros.

-¿Por que quedou deserta a poxa de Castroverde?

-O que pasou en Castroverde foi porque houbo hai pouco outra poxa en Adai, que antes era en xuño, e os gandeiros andan agora na herba seca. Estes exemplares pertenecen aos propios gandeiros e polo tanto respondo totalmente pola alta calidade deles. Ademais, agora mércase máis á Granxa Gayoso Castro directamente. Calidade haina, se non non habería xente que demanda ata corenta novillas da granxa.

-¿Que proxectos quere poñer en marcha se sae reelixido?

-Queremos seguir sacando embrións, mellorando a xenética, conseguir mellores prezos para a carne, que todas as vacas de carne de Galicia sexan Rubia Galega e continuar medrando no exterior. Ademais, a miña intención é que todos os socios teñan dereito a voto.

-¿Pode facerse algo para mellorar a rendibilidade das explotacións?

-A Rubia Galega é a raza de carne máis rendible de todo o mundo. Brasil leva cada vez máis doses, iso algo quere dicir. A Rubia Galega gaña terreo sobre outras razas de carne como limousin ou blonda. Os gandeiros abandonan estas razas para pasar á Rubia.

César dorado presidente en funcións de acruga que opta á reelección

«O que pasou en Castroverde foi porque houbo hai pouco outra poxa en Adai (...) Agora mércase máis á Granxa Gayoso»

César Dorado