Lugo concéntrase na rúa para apoiar a Valencia

maría caravel

LUGO

OSCAR CELA

22 feb 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

1Un bo número de persoas sumáronse onte a unha concentración e cacerolada en apoio aos alumnos, profesores, familiares e amigos do IES Lluis Vives de Valencia contra a violencia policial exercida contra eles. O encontro tivo lugar no templete da Praza Maior, e nel participaron moitos estudantes de Secundaria que desplegaron lemas como «Si nos movemos los del 99% abajo, los de arriba se tambalean», «Vístete de dignidad por tus derechos», «Delegada de Gobierno y jefe de Policía de Valencia, dimisión» o «No a la violencia», entre otros. O grupo lucense do 15-M, que convocou o encontro, destacou nun comunicado e «a lección de dignidade» que están dando os estudantes valencianos ao «mobilizarse en defensa dunha educación pública de calidade». «A resposta do Estado -sinalan- non se fai esperar e, desde o primeiro momento, a policía actúa como o brazo armado dunha ditadura encuberta, atacando a liberdade de expresión, apaleando de maneira desmesurada a menores de idade que, entre vexacións e insultos, violencia física, presións e abusos de poder, segue loitando». Acusan ao Ministerio del Interior, a Generalitat e á alcaldía de Valencia de complicidade. «Unímonos á súa loita por unha educación pública e de calidade, e denunciamos a política do medo que nos intentan infundir».

Sátira en Cospeito

2E a sátira política fixo acto de presencia en Cospeito, onde apareceu unha pancarta moi chamativa. Con bastante ironía, o panel fai referencia a algunhas partidas incluídas nas contas municipais correspondentes aos anos 2010 e 2011. Nel afírmase con todo luxo de detalles e cifras que o alcalde, o popular Armando Castosa, a quen identifica como «Armando Carz», deixou sen subvencións a entidades e asociacións que non son afíns. É o caso de Xotramu de Fútbol 7 ou a asociación xuvenil Muimenta Carabullo.

A encantadora de paxaros de Becerreá

3Os animais que viven en liberdade adoitan desconfiar dos humanos e esquivan a súa presenza. Pero a proximidade física duns e outros no rural da pé a que de vez en cando se establezan raras historias de amizade. Como a que protagonizan en Becerreá Pilar Gómez e un paporrubio. Cada vez que Pilar baixa dende a súa casa, que está situada na Feira Vella, ao centro da vila, detense diante do castiñeiro centenario que hai na rampa, saca miolos de pan do peto, estende a palma da man e espera, segundo informa Fernanda Follana. O paporrubio acude sempre fiel á chamada, aínda que a temperatura na capital dos Ancares, por fin invernal, ronde os cero graos. A mesma escena repítese día tras día dende hai dous anos. «Por Santos adoito facer doces de améndoas. Hai dúas tempadas as améndoas saíron malas e non había quen comera os doces, así que comecei a darllos aos paxaros. E o paporrubio foi collendo confianza, ata o punto de meterse na casa. Dende hai uns meses cambiou de residencia, porque seguramente outro macho lle quitou o sitio. Aínda que agora se amosa máis esquivo, non deixa de facernos algunha visita e se paso por xunto del sae a saudarme», relata Pilar.