Carlos G. Reigosa enfronta razón e superstición na súa nova novela

Xesús Fraga
xesús fraga REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

PACO RODRÍGUEZ

«Segredos de Bretaña» desentraña un antigo crime nunha vila

30 nov 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Un escritor que vén de entregar unha novela e necesita desconectar trasládase dende Madrid a unha apracible vila costeira do norte de Galicia, Bretaña, á procura dun merecido descanso. Porén, unha vez alí empezará a escoitar historias de vellos sucesos que abrirán nesa idílica existencia unha fenda pola que emerxerán escuros feitos.

Este é o punto de partida de Segredos de Bretaña (Xerais), a última novela de Carlos G. Reigosa (A Pastoriza, 1948), que, a través da intriga, dá forma literaria a esa antiga oposición entre superstición e raciocinio. «O libro formula unha contraposición entre un personaxe que provén do mundo da racionalidade, o escritor, e a vila, que representa esa harmonía total e completa que se acada pola crenza nunha realidade máxica ou a superstición», explica Reigosa.

Esa colisión encárnase aquí no relato da desaparición dunha muller deixando un bebé na vila: a versión que os veciños levan anos contándose a si mesmos, a que lles permitiu pasar páxina, é a que desencadea o instinto novelístico do escritor, quen axiña advirte as inconsistencias da narración colectiva. «A novela é a dialéctica entre ese mundo no que todo ten explicación, como que se un cadáver aparece con rabuñaduras daquela foi a Santa Compaña, e o mundo da razón, representado polo escritor, para quen esas xustificacións non teñen sentido», engade Reigosa.

Reunir as versións parciais

O protagonista de Segredos de Bretaña, fascinado primeiro polo lugar e os seus habitantes, e logo pola historia da desaparecida, convértese precisamente no vehículo que permite reconstruír o sucedido, xa que é el quen ao cabo reúne as versións parciais para contar, por fin, a verdade. É o que Reigosa describe como «a razón como a luz diluciladora da realidade fronte a cegueira da superstición que lle corta o paso, sostida en medos aparentemente insuperables». Algúns destes medos e supersticións son os que dan valiosos indicios ao protagonista para avanzar no esclarecemento do nobelo: por exemplo, o terror dos habitantes da costa a subir á montaña e, viceversa, o dos que viven no alto a internarse no mar. Ademais, contará con diversos aliados que o axudarán nunha pescuda na que chega a poñer en risco a súa vida.

Para a súa Bretaña, Carlos G. Reigosa tomou referentes da xeografía real, así como das resonancias míticas do nome e as súas conexións coas culturas atlánticas, un papel que aquí asume unha sorte de «mesa redonda da Bretaña do sur» formada por uns intelectuais que a través de conferencias e outras actividades «crean unha superestrutura cultural que se superpón como un paraugas á estrutura básica e popular dos veciños da vila».

En Segredos de Bretaña hai tamén unha homenaxe ás pequenas librarías e ao oficio literario: «Que é un novelista?», formúlase no libro. «Un tipo que saca á luz historias reais ou ficticias, que desvela misterios (tamén reais ou ficticios) e que constrúe emocións» é a resposta.